O IEU no 20 aniversario do Craega
Representantes do IEU asistiron como invitados á celebración do 20 aniversario do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que tivo lugar na granxa ecolóxica Arqueixal (Albá, Palas de Rei) o pasado 20 de decembro.
O acto, con máis de 200 invitados, principalmente socios do Craega, contou coa asistencia do seu presidente, da conselleira de Medio Rural, o presidente da Deputación de Lugo, o alcalde de Palas de Rei e outras autoridades provinciais e autonómicas, así como unha ampla representación de produtores ecolóxicos e pequenas empresas do sector da comarca da Ulloa.
Tras a proxección dun documental sobre a historia e a produción actual do Craega e despois das intervencións das autoridades, os asistentes puideron degustar unha amplísima gama de deliciosos pratos elaborados cos produtos ecolóxicos subministrados polos asociados. O prezado músico folk Davide Salvado, afincado na Ulloa, acompañou o acto coas súas interpretacións.
Na primeira fotografía poden verse a Xosé de Castro e a Francisco Pardo, secretario e director do IEU, con Davide Salvado e os representantes de Granxa Maruxa, de Parada das Bestas e de Milhulloa. Nas seguintes, apréciase a ambientación no palco de autoridades.