Socios e socias de honor do IEU:

        Xesús Alonso Montero

        Carlos Méndez Vázquez (†)

        Mary Quintero Corredoira

        Daniel Salgado García

 

 ______________________________________
 Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928)
Foto de Jesús de Arcos

Xesús Alonso Montero (Fotografía de Jesús de Arcos)

A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 18 de febreiro de 2017, acordou por unanimidade nomear socio honorario a Don Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia da Galega, que manifestou o seu agradecemento polo nomeamento e o seu grande afecto pola terra do poeta Lorenzo Varela.

Xesús Alonso Montero, humanista , sociolingüista, ensaísta, articulista, é un dos referentes da cultura galega do século XX e do século XXI. É, así mesmo, notoria a súa participación en actos culturais na comarca da Ulloa, como foron as diferentes homenaxes e celebracións ao redor da figura de Lorenzo Varela que, comezaron no ano 2000 e deron como froito a dedicación ao poeta o Día das Letras Galegas en 2005. En 2016 foi o promotor dos actos de celebración do centenario do nacemento do poeta monterrosino, parte deles desenvolvidos, por expreso desexo seu, no Centro Penitenciario de Monterroso.

_______________________________________
 Carlos Méndez Vázquez (Monterroso, 1932-2023)

Carlos Méndez e Francisco Pardo asinando o documento de doazón das coleccións museísticas ao IEU e ao concello de Monterroso

Carlos Méndez Vázquez (esq.) e Francisco Pardo Teijeiro en 2020 asinando o primeiro documento de doazón 

A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 22 de maio de 2021, acordou por unanimidade nomear socio honorario a Don Carlos Méndez Vázquez, fundador do Museo de Monterroso.

Carlos Méndez Vázquez, sacerdote, investigador e historiador monterrosino, é autor de numerosas publicacións sobre historia, arqueoloxía e etnografía. Durante décadas recuperou moi diversas pezas de valor histórico, arqueolóxico e etnográfico da comarca da Ulloa, coas que recadou unha extensa colección coa que fundou en 1990 o Museo parroquial de Monterroso, con titularidade do Bispado de Lugo, do que foi director ata o seu peche ao público en 2018. En 2021 doou as coleccións museísticas do Museo parroquial ao Concello de Monterroso para a creación dun museo na vila de Monterroso.

____________________________________
 Mary Quintero Corredoira (Melide,1931)
Mary Quintero na súa casa de Cumbraos (Monterroso) en outubro de 2025
A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 27 de setembro de 2025, acordou por unanimidade nomear socia honoraria a María del Carmen Quintero Corredoira, fotógrafa coñecida como  Mary Quintero.

Mari Quintero, a máis destacada fotógrafa galega do século XX, tivo un afamado estudio fotográfico en Lugo que trasladou máis tarde a Vigo, mais ten sólidos vínculos con Cumbraos, aldea de Monterroso onde reside temporalmente na casa familiar e a súa filla Marta fundou a modélica Granxa Maruxa.

_______________________________________
 Daniel Salgado García (Monterroso, 1981)

Daniel Salgado na presentación  de Cairón na II Feira do Libro de Monterroso (2017)

A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 27 de setembro de 2025, acordou por unanimidade nomear socio honorario a Daniel Salgado García, xornalista e poeta.

O xornalista monterrosino Daniel Salgado, unha das grandes figuras da poesía galega contemporánea, foi director da revista Cairón dende a súa creación ata 2025. Foron el e Xesús Alonso Montero, tamén socio de honor do IEU, os que escolleron o nome de Cairón para o Boletín do Instituto. Foi esa a palabra coa que o poeta Lorenzo Varela, daquela exiliado en Bos Aires, agasallou aos liberadores do París ocupado pola Alemaña nazi no seu poema  “Ofrenda a los franceses” (1944) e que é un símbolo da loita pola liberdade. Daniel Salgado esbozou o modelo de revista, que foi deseñada no laboratorio de Numax, e marcou as liñas editoriais de Cairón que tanto merecemento acadaron.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn