A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 18 de febreiro de 2017, acordou por unanimidade nomear socio honorario a Don Xesús Alonso Montero, expresidente da Real Academia da Galega, que manifestou o seu agradecemento polo nomeamento e o seu grande afecto pola terra do poeta Lorenzo Varela.
Xesús Alonso Montero, humanista , sociolingüista, ensaísta, articulista, é un dos referentes da cultura galega do século XX e do século XXI. É, así mesmo, notoria a súa participación en actos culturais na comarca da Ulloa, como foron as diferentes homenaxes e celebracións ao redor da figura de Lorenzo Varela que, comezaron no ano 2000 e deron como froito a dedicación ao poeta o Día das Letras Galegas en 2005. En 2016 foi o promotor dos actos de celebración do centenario do nacemento do poeta monterrosino, parte deles desenvolvidos, por expreso desexo seu, no Centro Penitenciario de Monterroso.
Carlos Méndez Vázquez (esq.) e Francisco Pardo Teijeiro en 2020 asinando o primeiro documento de doazón
A Asemblea Xeral do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), celebrada o 22 de maio de 2021, acordou por unanimidade nomear socio honorario a Don Carlos Méndez Vázquez, fundador do Museo de Monterroso.
Carlos Méndez Vázquez, sacerdote, investigador e historiador monterrosino, é autor de numerosas publicacións sobre historia, arqueoloxía e etnografía. Durante décadas recuperou moi diversas pezas de valor histórico, arqueolóxico e etnográfico da comarca da Ulloa, coas que recadou unha extensa colección coa que fundou en 1990 o Museo parroquial de Monterroso, con titularidade do Bispado de Lugo, do que foi director ata o seu peche ao público en 2018. En 2021 doou as coleccións museísticas do Museo parroquial ao Concello de Monterroso para a creación dun museo na vila de Monterroso.