SECCIÓN DE FILOLOXÍA, LITERATURA E TOPONIMIA
Coordinadores: Fernando García Penas e Andrea Santiso Arias
As terras da comarca da Ulloa foron un crisol no que fraguaron durante séculos modos de ver e de estar no mundo que os seus habitantes foron construíndo grazas ás palabras. Dialogando erguían os canteiros os monumentos e as casas, conversando cocían as mulleres o pan do sustento familiar e parolando nos seráns de inverneira a veciñanza contaba contos, poñíalle nomes ás cousas e lugares, e alcumábanse as persoas. Hoxe, todo este rico universo cultural herdado permanece vivo, palpita e ten vontade de continuidade.
A sección de Filoloxía, Literatura e Toponimia do IEU ten por obxecto rescatar, estudar, dar a coñecer, publicitar e enriquecer calquera forma de expresión cultural do pasado ou contemporánea que teña como elemento constitutivo a expresión lingüística (oral ou escrita), un proxecto ao que están chamados a sumarse investigadores e investigadoras consolidados e mozos e mozas en formación. Prestaráselle tamén atención á expresión literaria, unha tradición que iniciou na nosa comarca Xoán Lopes de Ulloa no século XIII, continuaron autores sobranceiros como Lorenzo Varela e segue a ser cultivada por escritoras e escritores de hoxe.
Así pois, nesta sección abórdanse e préstaselles atención a ámbitos do saber como a onomástica, folclore, paremioloxía, dialectoloxía, sociolingüística, edición, creación literaria etc.