Biblioteca e Arquivo

A BIBLIOTECA E OS FONDOS DOCUMENTAIS DO IEU

A creación dunha ampla biblioteca temática ligada ao territorio e a publicación dunha revista anual son obxectivos fundamentais de calquera instituto de estudos. O Instituto de Estudos Ulloáns ten, igualmente, entre as súas prioridades, a consolidación dunha biblioteca especializada no patrimonio histórico, artístico e cultural da Ulloa e a adquisición de documentos, monografías, revistas, xornais e outras publicacións periódicas históricas, carteis, etc. de cara á consecución dun gran fondo documental ulloán.

Estamos a falar dunha biblioteca de consulta para o público en xeral e de fondos documentais dirixidos á investigación, respondendo sempre aos intereses patrimoniais e culturais que definen a identidade da Ulloa. Pretende o IEU ser o destinatario tanto de fondos privados persoais (documentos xerados por un persoeiro ou unha persoa de certa significación no exercicio da súa actividade profesional, intelectual ou social) e familiares (documentos xerados por familias da comarca referidos principalmente a actividades agrícolas e á administración dos seus bens), como de fondos de entidades públicas ou privadas (documentos producidos por asociacións e entidades no exercicio das súas actividades).

Para acadar os nosos fins é necesario xuntar esforzos e dedicacións. Contamos coa receptividade e o entusiasmo dos socios e socias do IEU, mais é totalmente imprescindible a desinteresada colaboración de particulares, empresas e institucións da comarca, non só co seu apoio económico, tamén coa localización e a doazón de bens documentais de interese cultural. Hai constancia na Ulloa de arquivos de casas nobres espallados ou en progresivo deterioro, arquivos privados de estudos heráldicos, documentos e cartas da emigración, coleccións de revistas e xornais xa desaparecidos, coleccións de carteis conmemorativos, documentacións de legados e actividades agropecuarias, etc., materiais indispensables para o mellor coñecemento da nosa comarca e que requiren dunha urxente recompilación e posterior catalogación.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn