Presentación
O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), asociación cultural con ámbito de actuación a comarca da Ulloa e con sede social en Monterroso, naceu nunha palleira da aldea de Chorexe, en Palas de Rei (Lugo). A súa humilde orixe, nunha palleira dunha aldea da Ulloa, diferénciano na nacenza doutros institutos parellos, non polas características do edificio senón pola significación do mesmo. A palleira é a construción máis representativa do mundo rural ulloán. Non hai na Ulloa casa grande, pazo ou casa labrega que non teña palleira, sólido edificio minimalista e funcional, de liñas arquitectónicas sinxelas e elegantes, que representa a fartura e a dignidade do agro lucense.
Con esa forza innata e co obxectivo de estudar, divulgar e protexer o patrimonio cultural da Ulloa, entendendo o termo cultura no seu máis amplo senso, o IEU desenvolve diferentes proxectos organizados segundo as seccións nas que está estruturado, nos que participan os socios e socias e aos que se invita a toda persoa con interese pola comarca da Ulloa.
Se desexan facerse socios ou contactar con nós, poden facelo a través desta páxina web ou mediante os enderezos indicados.