SECCIÓN DE HISTORIA, ARQUEOLOXÍA E ETNOGRAFÍA
Coordinadora: María José Gomez alvite
Esta sección muestra do Instituto de Estudos Ulloáns céntrase na investigación histórica, artística e etnográfica da Bisbarra da Ulloa e aqueles territorios lindeiros sobre os que exerce e recibe influenzas mutuas. Este lugar é rico en canto a vestixios artísticos e, ademais, transcendental no que se refire a acontecementos históricos tanto para explicar o devir da propia comarca coma para analizar a súa repercusión no noroeste peninsular (a batalla de Portela de Areas, o rei Afonso VII Raimundez, os Irmandiños, a revolta de 1790, o levantamento do 1840…). Consérvanse abundantes estacións rupestres coma as do Farelo, as de Sirgal, ou as de Tarrío de Buxergos, así coma algunhas ferramentas e pezas prehistóricas que, xunto coa abundante presenza de castros, que nalgúns casos chega a superar un promedio de un cada cinco quilómetros cadrados, testemuñan a pronta ocupación destes espazos.
Evidencias romanas coma os miliarios, xunto con pezas como a ara de Curbián, constatan o paso dalgunha vía atravesando estas terras. Os camiños de peregrinación denominados Francés e Primitivo tamén as percorren ó igual que outros que hoxe se achan en desuso coma o Camiño Santo ou Camiño polo Campo Francés, o Camiño Vello de Lugo, e o Camiño Real ou Camiño de Ribadavia.
Exemplos como a ventá xeminada de Arxiz, o sarcófago representando a Daniel no foxo dos leóns en Ligonde, confirman a prematura cristianización deste territorio do interior galego, feito que co paso dos anos nos legaría mostras tan representativas coma a do templo de Novelúa, prototipo de modelo con torreón defensivo ou a igrexa de Vilar de Donas, declarada monumento histórico-artístico no 1931, así coma diversos exemplares de edificacións cristiáns románicas, moitas das cales conservan pinturas murais.
Pero se a arquitectura relixiosa é moi importante, a civil non o é menos con exemplares tan senlleiros coma o Castelo de Pambre co que non poideron os Irmandiños; a Torre de San Miguel de Penas (os seus muros interiores atópanse embellecidos con pinturas consideradas baluarte do gótico profano galego) da que conta a lenda que as pedras proceden do mal parado Castelo de Sirgal cuxa demolición foi ordeada dende a corte; ou a Torre de Amarante. E os pazos, que habelos hainos, e ben espesos: de Vilane, de Santiso, de Ludeiro, de Ladar, de Chorexe, da Ulloa… A comarca é tamén un solar rico en ermidas, as máis xa desaparecidas (no pico de San Simón, nas Cavoucas en Vilar de Donas…); en pequenos prioratos coma o da Pena da Merla en Carteire ou o de Sanmartiño en Mosteiro de Devesa, que permanecen só na memoria das xentes do lugar; un expositor de sartegos, algúns ocultos pola maleza e terra que se depositou por riba coma os que están próximos á igrexa de Lavandelo, os de Pol ou os de Penaforcada; en picotas que rememoran a dureza exercida polo feudalismo e poderíamos seguir numerando cruceiros, fontes, hórreos, pedras heráldicas, construccións típicas…
En fin, perviven múltiples paradigmas que proban a riqueza cultural nas distintas etapas históricas e aínda prehistóricas. Queda moito por diante: a fosa común dalgúns caídos carlistas no lugar das Mestras en Mosteiro de Devesa é só un mito ou é real? Quedan evidencias soterradas en Sirgal da batalla de Monterroso? Onde se situaba o cárcere de Ligonde, tal vez na chamada Torre cuxas pedras foron traídas para construir moitas das casas do lugar? Que agocha a Cova de Xea en Sambreixo e a Mina de Carteire? Precisamos de catas arqueolóxicas que fagan xustiza a dignidade desta terra.