Visita do IEU ao castro de Sirgal (Monterroso)

SIRGAL web1O pasado 29 de outubro o Instituto de Estudos Ulloáns organizou unha visita ao castro de Sirgal (Monterroso) e a súa contorna guiados polo socio do IEU e fundador do Museo Parroquial de Monterroso, D. Carlos Méndez. Coma nas anteriores visitas guiadas do IEU a lugares de interese histórico da Ulloa, repartiuse a todos os asistentes unha ficha informativa elaborada pola historiadora María José Gómez Albite.

Os visitantes tiveron ocasión de coñecer en primeiro lugar a igrexa de Santo André de Sirgal, de estilo neoclásico, levantada sobre un impoñente solar granítico. A continuación percorreron a contorna dos castros de Sirgal, limpada hai pouco tempo polo concello de Monterroso, propietario dos terreos que ocupa o castro de maior tamaño, onde se supón que se levantaba o castelo medieval e que precisa dunha urxente ordenación e protección.

A recente limpeza de maleza permitiu o acceso a unha zona de gran beleza paisaxística, onde se atopa unha gran rocha que se utilizou como altar de rituais, xoia arqueolóxica que complementa o valor patrimonial da contorna dos castros de Sirgal.

A visita rematou no sorprendente espazo adxacente de Eirexe Vella, onde se levantou a antiga igrexa e onde se conserva un sartego antropoide obxecto de lendas populares.

 

 

DSCF6344

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn