“Agora vívese ben no rural” artigo de Rubén Lois (La Voz de Galicia 5/5/2019)

«Agora vívese ben no rural»
O experto defende o futuro das zonas menos poboadas a través de políticas proactivas e de calado máis fino

SANDRA ALONSO
J. CASANOVA 
SANTIAGO / LA VOZ 

Rubén Lois (Palas de Rei, 1961) é catedrático de Xeografía na USC e un dos grandes coñecedores da realidade galega, especialmente no mundo rural. No seu discurso hai realismo e esperanza para o interior do país.

-É posible vivir no rural coma na cidade?

-Agora vívese ben no rural. O que falla é que aínda non hai unha ideoloxía que arraigase suficientemente. Non nos convencemos de que se pode vivir moi ben. Socialmente segue a ideoloxía de que na cidade se vive mellor, e non é certo. Aínda que hai dous problemas: o primeiro é de xénero, pois no rural os homes viven mellor que as mulleres. Nas formas tradicionais os homes teñen más oportunidades de socializar: van máis aos bares, van ao fútbol, á caza… Por iso hai máis emigración silente das mulleres. E hai outro problema vinculado ás baixas densidades: o control social. Se ti saes unha noite na Coruña, fagas o que fagas, ninguén se decata; pola contra, se o fas nunha vila pequena, segundo o que fagas quedas marcado. Claro que tamén hai outras vantaxes: estás rodeado de xente que te coñece e que te pode axudar.

-Entón, que é o que fai falta para convencer a unha porcentaxe da poboación dos beneficios de vivir nunha contorna rural?

-Que a xente se mentalice, e que haxa políticas públicas e de imaxe do tipo «O rural vale a pena». É un espazo moi atractivo para o desenvolvemento da vida comunitaria. Tamén é certo que os servizos públicos están moi orientados á poboación maior, e que están moi ben, pero non tan ben para os máis novos.

-Imaxinemos unha explotación dun propietario que, efectivamente, séntese ben co que ten, pero o seu fillo non queda porque prefire ir á cidade.

-Aquí hai como dous planos. Primeiro, que o propietario envía ao fillo a estudar Filoloxía ou Medicina, que non ten moito que ver coas vacas. E logo que para que o fillo volva á explotación o pai ten que xubilarse aos 65 e o fillo gobernar a explotación. A transferencia do proceso de decisións na propiedade é moi lenta. Vese cos eucaliptos. Antes ninguén dubidaba, hoxe nos bares fálase sobre se eucaliptos si ou non. Os maiores din que é unha árbore moi rendible, mentres que da miña xeración para abaixo din que nada de eucaliptos. Pero os que plantan son os vellos. Iso é un problema serio. E logo hai un segundo tema: antes considerábase mellor ser bedel nun edificio público que ter unha explotación agraria. E iso non se resolveu de todo.

-É a inmigración unha solución ao despoboamento rural?

-Si. Os novos rurais van ser os que escapen das cidades, pero tamén moitos sirios, peruanos ou marroquís que, en pequenos colectivos e cunha inmigración ordenada, poden ter aí unha vida moi favorable.

-Aí hai un debate sen resolver e probablemente un salto mental.

-Si. Pero para iso están as políticas públicas, que deben ser proactivas en relación con iso. En Galicia hai unha xeración á que lle saíron moi ben as cousas e é moi difícil discutir as decisións con eles.

-A mellora das telecomunicacións tamén é un importante aliciente.

-Si, porque che permite ter calquera tipo de negocio. É o caso de Hotusa, que meteu un call center en Chantada. O único que necesitaba era unha boa conexión. Para o traballador, a vivenda é moito máis barata e non ten gastos de transporte. E o que vive, por exemplo en Chantada, ten Ourense a medio hora, e Lugo a 45 minutos. Agora non hai distancias. E agora no rural a xente ten un nivel medio: hai xente coa que conversar, tecido asociativo…

 -Hai 25 anos iso era un gran déficit: a falta de alternativas culturais, asociativas…

-Eu son de Palas, e temos a Asociación de Estudos da Ulloa, unha festa de volta ao rural, mesmo un festival gai…

-De tódolos xeitos fálase moito das políticas de volta ao rural, de fixar poboación… pero non se ven moitos resultados.

-Hai que cambiar un pouco os modelos de goberno. Todo o diñeiro que caeu cos fondos Feder permitiu ter unha rede razoable de casas de turismo rural, denominacións de orixe… Agora hai que traballar máis fino. Facer modelos menos caros e máis participativos. Facilitar a conciliación, a consecución dun crédito brando, acceso á vivenda para a xente que pode encontrar un nicho de traballo no rural… O que pasa é que estes elementos máis activos normalmente non son amigos do poder, que prefire aos vellos porque son moito máis manexables.

 -Hai xente que naceu na cidade, con propiedades no rural, que non sabe nin onde as ten.

-Hoxe no Catastro localízaas facilmente. A solución é o banco de terras. En calquera país europeo a propiedade da terra está desligada da explotación. Nós temos un problema de mala xestión do rural que deriva en moitos incendios forestais. Ten que ser a Administración, xunto cos titulares das explotacións, os que decidan cales son os usos do solo. Hai que relativizar o peso da propiedade. Aquí hai fame de terras agrarias e sóbranos monte mal coidado.

 «As mulleres no campo traballan moito máis que os homes»

O xeógrafo chama a atención sobre o problema de xénero no rural, básico para fixar poboación.

-Que habería que facer para que as mulleres regresasen ao medio rural?

-Pois moi bos servizos orientados ás mulleres e moitas accións específicas. Publicitar moito que todo o relacionado coa conciliación está garantido: garderías, axudas específicas… E ten que haber actores de desenvolvemento local que fagan unha feminización activa, con alternativas de ocio específicas para as mulleres. E que poidan participar os homes tamén, claro.

 -E que non sexan cursos de macramé.

-Non, claro. Se tes 50 mulleres de menos de 50 anos no teu concello tes que preguntarlles que queren facer. E tamén hai que facer algún tipo de observación, porque as mulleres no rural traballan moito máis que os homes. Eles toman as decisións na explotación, pero elas van muxir. E iso hai que visibilizalo.

-Como ve esa evolución demográfica e territorial á volta de 20 anos?

-Hai que facer dous cálculos. No rural vai seguir diminuíndo a poboación. O que temos que ver é canta poboación menor de 50 anos temos. A única forma de arranxar isto é meter inmigrantes de forma ordenada. Hai un rural que vai sobrevivir ben, o rural que está a menos de 30 quilómetros das cidades, e que cada vez é máis grande. Logo hai outro rural medio, no interior de Lugo, por exemplo, que aí é onde hai que estudar ben que políticas aplicar. E logo a montaña e as áreas menos accesibles, en principio, teñen a batalla perdida. Aí só vale o argumento romántico, da calidade de vida: se me dá un infarto espíchoa, teño que levar os nenos ao colexio moi lonxe… Pero, pola contra, teño a mellor paisaxe de Galicia, podo meter por exemplo casas de turismo rural, gandería extensiva… Hai tres rurais e cada un ten a súa singularidade.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn