Alegacións do IEU ao procedemento ambiental e captación de augas da fábrica de celulosa de ALTRI (presentadas o 27 de febreiro de 2024)

ALEGACIÓN DO IEU AO PROCEDEMENTO AMBIENTAL E CAPTACIÓN DE AUGAS DA FÁBRICA DE CELULOSA DE ALTRI PRESENTADA NO REXISTRO DA XUNTA DE GALICIA O 27 DE FEBREIRO DE 2024

 

EXPÓN

  1. Que entre os fins estatutarios do Instituto de estudos Ulloáns consta “fomentar a conservación e respecto polo patrimonio da Ulloa, tanto material como inmaterial, como ben cultural, natural e económico”
  2. Que no Diario Oficial de Galicia nº 243 de 26 de decembro de 2023, o Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro publíca un anuncio mediante o que se somete a información pública o procedemento ambiental e a solicitude de concesión para captación de augas nos concellos de Agolada, Santiso e Palas de Rei (expediente DH.A36.88645).
  • Que en relación co anuncio citado, pola presente procédese a formular as seguintes OBSERVACIÓNS E ALEGACIÓNS:

 

  1. Que a área de aproximadamente 366 ha sinalada como parcela de Uso Industrial na cartografía da citada solicitude de concesión, ocupa unha grande parte da zona de afloramentos serpentiníticos existentes na comarca da Ulloa baixo a influencia termófila do val do río Ulla. Esta zona ten sido identificada pola sección de Medio Ambiente do IEU –que desenvolve o proxecto Flora da Ulloa (http://ieu.gal/flora-da-ulloa/)-, como a área de maior interese para a conservación da biodiversidade de toda a comarca e, sen dúbida, de todas as comarcas centrais de Galicia (ver, na revista Cairón, http://ieu.gal/cairon-boletin-ieu/, Mouriño, 2020 e 2022; Mouriño et al., 2021). Merecen especial destaque importantes poboacións de catro especies de flora vascular que, en todo o planeta, só se encontran nestes afloramentos serpentiníticos do centro de Galicia: Armeria merinoi Nieto Feliner & Silva Pando (1987), Leucanthemum gallaecicumOubiña & S.Ortiz (1990), Santolina melidensis R.Oubiña & S.Ortiz (1998) e Centaurea gallaecica (M.Laínz) Arnelas & Devesa (2012). Os tres primeiros están incluidos na categoría En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia (Decreto 88/2007, de 19 de abril), mentres que Centaurea gallaecica consta incluída como Vulnerable. Ademais, nestes afloramentos serpentiníticos encóntranse outras tres plantas vasculares calificadas En perigo de extinción en dito catálogo (Eryngium viviparum, Genista ancistrocarpa e Xiphion boissieri) e outras dúas na categoría Vulnerable (Spiranthes aestivalis e Selinum broteri).
  2. Que en virtude desta inusual concentración de flora endémica e ameazada, as serpentinas do centro de Galicia, baixo o nome Serras do Farelo, foron recoñecidas como Área Moi Importante no Atlas y Libro Rojo de la Flora vascular amenazada de España editado polo Ministerio de Medio Ambiente(Bañares et al., 2003), aínda antes de citarse ancistrocarpa, X. boissieri e sen considerar as especies na categoría Vulnerable, coas cales pasarían a calificar como Área Excepcional.
  3. Que a riqueza florística desta área vai alén destas especies catalogadas ameazadas, xa que o efecto de insularidade do substrato xeolóxico (ultrabásico nun contexto xeral de rochas ácidas do territorio galego), e, en menor medida, o efecto da mediterraneidade do clima do val do Ulla, provocan a presenza de decenas de taxóns escasos ou moi escasos en Galicia, tanto numéricamente como en extensión da área de ocupación, incluidos endemismos serpentiníticos galegos (Sagina merinoi) e especies restrinxidas a estas serpentinas, as existentes en Tras-os-Montes e outras escasas localidades do noroeste ibérico (Koeleria rodriguez-graciae, Seseli montanum subsp. peixotoanum, Armeria langei), varias deles merecedoras de constar no Catálogo galego de especies ameazadas.
  4. Que ademáis dos excepcionais valores florísticos, a área presenta un importante valor desde o punto de vista xeolóxico e edafolóxico debido á existencia dos citados afloramentos serpentiníticos, que só ocupan o 0,2% do territorio galego e o 1% do planeta. E tamén un elevado valor faunístico, con presenza regular e confirmada doutras dúas especies En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas (a volvoreta Zerynthia rumina e o caracol Elona quimperiana) e outras oito Vulnerable (a libeliña Oxygastra curtisii, a lesma Geomalacus maculosus, os anfibios Chioglossa lusitanica, Hyla molleri (citada como arborea), Rana iberica e Rana temporaria parvipalmata, e as aves Circus pygargus e Circus cyaneus). Conta ademáis cunha riqueza inusual en aves de espazos abertos, contabilizando 18 especies incluidas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE (para as cales é preciso declarar Zonas de Especial Protección), entre as que destaca Elanus caeruleus (única localidade de cría regular en Galicia durante os últimos anos), así como oito especies avaliadas En Perigo e sete calificadas Vulnerable no recente Libro Rojo de las Aves de España (López Jiménez, 2021).
  5. Que en contraste con esta excepcional riqueza en biodiversidade, que xa por se mesma debería facer desestimar a ocupación desa pretendida parcela industrial, para a cal se somete o proxecto de concesión para captación de augas nos concellos de Agolada, Santiso e Palas de Rei (expediente DH.A36.88645), a empresa promotora presenta un estudo de impacto ambiental (EIA) notoriamente incompleto e deficiente, no que resulta evidente a ausencia de participación de profesionais no ámbito da biodiversidade, amosando un desprezo polo patrimonio natural. Isto se traduce nun inventario ambiental inválido no referente ao territorio obxecto da solicitude, aquel afectado pola traza a través da cal se proxecta bombear agua do encoro de Portodemouros á parcela industrial e verter en sentido contrario os efluintes derivados do proceso químico, debido aos seguintes motivos:
  6. ausencia dun traballo rigoroso de inventariación, cuantificación e cartografiado específico de flora, vexetación, hábitats naturais e fauna (cando menos daquelas especies de flora e fauna que contan con algún tipo de catalogación).
  7. carencias notorias nas fontes de información empregadas polo equipo redactor, tanto pola ausencia de numerosos recursos documentais dispoñibles –incluidas edicións desactualizadas de obras como o Libro Rojo de las Aves de España o el Atlas de Anfibios de Galicia– como pola interpretación errada á que se somete dita información, só entendible por tratarse de profesionais alleos á temática.

Desta maneira, non son identificados nin correctamente localizados grande parte dos valores naturais citados nos apartados 1 a 4 do presente escrito. Tampouco outros elementos valiosos que están presentes no trazado desde Portodemouros á finca de Quintas, como os narcisos N. cyclamineus e N. asturiensis, ambos no anexo II da Directiva 43/92/CEE e Vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas. A modo de exemplo, indicar que, á saída da tubaxe desde a finca de Quintas, aínda no territorio do concello de Palas de Reis, atravesaría un afloramento que podería conter o 10% da poboación mundial de Armeria merinoi, o cal suporía un impacto crítico, aspecto que nin se menciona no EIA. Asimesmo, tampouco identificado no EIA, existen centenares de exemplares de Santolina melidensis  nas cunetas das pistas de Barazón polas cales se proxecta construir a canalización da captación, con presenza case continua entre os puntos que o EIA nomea coma 1 e 6 e máis puntual até o punto 10, o que supón outro impacto crítico para unha especie cunha área de ocupación moi reducida (o EIA confunde o xénero Santolina e cita S. melidensis, S. semidentata e S. rosmarinifolia, cando en realidade se trata dunha única especie -S. melidensis-, para a cal están publicadas denominacións antigas nas outras combinacións citadas).

O EIA describe a vexetación como se se tratase dun traballo de bacharelato, na base dos usos xerais do territorio e con so catro tipoloxías (matorral-pastizal, matorral, eucaliptal e mezcla especies arbóreas). Para nada se emprega a nomenclatura fitosociológica de asociacións e comunidades vexetais, que resulta de uso xeral en traballos técnicos, así como nas referencias existentes na propia lexislación, co cal quedan sen describir comunidades vexetais existentes no trazados proxectado, como pasteiros pioneiros, comunidades megafórbicas, bosques de ribeira galaico-portugueses, carballeiras galaico-portuguesas, distintos tipos de queirugais secos, etc….

O apartado de hábitats naturais é bochornoso, emprega 14 páxinas en copiar a descrición –intrascendente para o EIA- existente na información oficial da Rede Natura dos tipos de hábitats na totalidade da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Careón (6,661,68 ha), atravesada en 2,15 km dos 14 que ten o trazado da condución, para despachar en oito liñas a afección da totalidade do trazado sobre hábitats de interese comunitario, citando que só afecta a tres deles e en puntos moi concretos, posiblemente baseándose nunha cartografía de vexetación antiga do Ministerio de Medio Ambiente, feita a escala estatal a unha escala inapropiada (1:50:000) para os obxectivos do presente estudo). Nin siquera empregan a cartografía dispoñible no visor xeográfico da Xunta de Galicia para o espazo entre o río Furelos e a Finca de Quintas (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/), no cal xa se identifican nove tipos de hábitats de interese comunitario (tres deles de interese prioritario) nas zonas atravesadas pola condución.

A inventariación da fauna baséase en fontes documentais insuficientes e desactualizadas, que, por exemplo, deixan sen tratar nin considerar á totalidade das aves invernantes e migrantes (incluidas varias especies catalogadas) e non identifican a presenza de dous invertebrados en perigo de extinción (ver apartado 4 do presente escrito), polo que resulta tamén deficiente e incompleta para avaliar o impacto ambiental da obra.

 

Na base do anteriormente exposto

 

SOLICITA:

Que se elabore un novo estudo de impacto ambiental fundamentado nunha correcta inventariación dos valores naturais afectados e, por tanto, se rexeite a actual tramitación do procedemento

 

 

 

SRA. DIRECTORA DE AUGAS DE GALICIA. CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE. XUNTA DE GALICIA. 

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn