Alegacións do IEU ao proxecto industrial de Greenfiber (presentadas o 17 de abril de 2024)

O Instituto de Estudos Ulloáns (IEU),  entidade que ten entre os seus fins estatutarios “fomentar a conservación e respecto polo patrimonio da Ulloa, tanto material como inmaterial, como ben cultural, natural e económico”, pola presente comparece ante esta administración e como mellor procede en dereito

 

EXPÓN:                                                 

 

  1. Que a área de aproximadamente 366 ha sinalada como parcela de Uso Industrial na cartografía da citada solicitude de concesión, ocupa unha grande parte da zona de afloramentos serpentiníticos existentes na comarca da Ulloa baixo a influencia termófila do val do río Ulla. Esta zona ten sido identificada pola sección de Medio Ambiente do IEU –que desenvolve o proxecto Flora da Ulloa (http://ieu.gal/flora-da-ulloa/)-, como a área de maior interese para a conservación da biodiversidade de toda a comarca e, sen dúbida, de todas as comarcas centrais de Galicia (ver, na revista Cairón, http://ieu.gal/cairon-boletin-ieu/, Mouriño, 2020 e 2022; Mouriño et al., 2021). Merecen especial destaque importantes poboacións de catro especies de flora vascular que, en todo o planeta, só se encontran nestes afloramentos serpentiníticos do centro de Galicia: Armeria merinoi Nieto Feliner & Silva Pando (1987), Leucanthemum gallaecicumOubiña & S.Ortiz (1990), Santolina melidensis R.Oubiña & S.Ortiz (1998) e Centaurea gallaecica (M.Laínz) Arnelas & Devesa (2012). Os tres primeiros están incluidos na categoría En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas de Galicia (Decreto 88/2007, de 19 de abril), mentres que Centaurea gallaecica consta incluída como Vulnerable. A alarmante transformación de afloramentos serpentiníticos en prados, cultivos forestais de eucaliptos ou zonas urbanizadas, ven provocando a desaparición de poboacións e núcleos de poboación destas especies, con especial relevancia nos endemismos estritos, avaliados En perigo crítico (A. merinoi, S. melidensis), En perigo (L. gallaecicum) e Vulnerable (C. gallaecica) na Lista Roja de la Flora Vascular de España (Moreno, 2011; ver tamén Bañares et al., 2003). Ademais, nestes afloramentos serpentiníticos encóntranse outras tres plantas vasculares calificadas En perigo de extinción no citado catálogo galego (Eryngium viviparum, Genista ancistrocarpa e Xiphion boissieri) e outras dúas na categoría Vulnerable (Spiranthes aestivalis e Selinum broteri).
  2. Que en virtude desta inusual concentración de flora endémica e ameazada, as serpentinas do centro de Galicia, baixo o nome Serras do Farelo, foron recoñecidas como Área Moi Importante no Atlas y Libro Rojo de la Flora vascular amenazada de España editado polo Ministerio de Medio Ambiente (Bañares et al., 2003), aínda antes de citarse ancistrocarpa, X. boissieri e sen considerar as especies na categoría Vulnerable, coas cales pasarían a calificar como Área Excepcional.
  3. Que a riqueza florística desta área vai alén destas especies catalogadas ameazadas, xa que o efecto de insularidade do substrato xeolóxico (ultrabásico nun contexto xeral de rochas ácidas do territorio galego), e, en menor medida, o efecto da mediterraneidade do clima do val do Ulla, provocan a presenza de decenas de taxóns escasos ou moi escasos en Galicia, tanto numéricamente como en extensión da área de ocupación, incluidos endemismos serpentiníticos galegos (Sagina merinoi) e especies restrinxidas a estas serpentinas, as existentes en Tras-os-Montes e outras escasas localidades do noroeste ibérico (Koeleria rodriguez-graciae, Seseli montanum subsp. peixotoanum, Armeria langei), varias deles merecedoras de constar no Catálogo galego de especies ameazadas.
  4. Que a descrición da vexetación no EIA presentado por Greenfiber resulta totalmente inapropiada e de baixo rigor técnico. A caracterización fitosociolóxica habitual, esixible na descrición da vexetación de calquera estudo técnico, máximo para un espazo da maior relevancia botánica, como o que pretende sepultar Greenfiber, redúcese á descrición das comunidades forestais, ficando o resto de asociación vexetais sen mencionar e apenas agrupadas como tipoloxías xenéricas (p.ex.,”vexetación asociada ao encoro, “matogueira con pasteiros” ou “prados e cultivos”), totalmente inapropiadas para un estudo destas características. Usa como base a consulta de referencias bibliográficas desactualizada e excesivamente xenéricas, polo que non se describe adecuadamente a vexetación acorde a mellor información dispoñible. Emprégase a información de Rivas Martínez (1987) cando o mesmo autor ten outras publicacións posteriores revisadas e actualizadas ao respecto (2001-2, 2011, 2014) e existe información concreta para Galicia (Izco et al, 1999, 2000; Amigo & Rodríguez Guitián, 2023). O resultado é unha descrición copiada de certas publicacións (véxase texto calcado entre os apartados de vexetación potencial de ribeira ou de carballeira con respecto a vexetación actual de ribeira ou de carballeira), que non reflicte a situación actual do espazo afectado pola parcela industrial. Nin siquera se cita a presenza da sobreira (Quercus suber), a árbore máis característica e espallada na zona de afección da parcela industrial; ou exemplos tan escandalosos como que na vexetación asociada ao encoro destacan só seis especies de flora, das cales ningunha delas está verdaderamente presente na localidade. Invéntanse un suposto bosque mixto onde integran especies inexistentes na área xeográfica como Viburnum tinus ou ben ausentes localmente, como Sparganium erectum ou Filipendula ulmaria. Nas supostas carballeiras chegan a citar a un taxón descoñecido na Flora Iberica (Quercus alba) así como outros localmente inexistentes (Anemone trifolia, etc…).
  5. No resto de unidades de vexetación descritas, abondan erros grosos de identificación (ou ben simples copia e pega de publicacións xenéricas?) como Genista hispanica, Cytisus commutatus, Kanautia arvensis, inexistentes nun amplo contexto xeográfico, ou ben Myrica gale e Dianthus langeanus, por só poñer dous exemplos de especies citadas que están ausentes no contexto local. Tamén mencionan Koeleria crassipes en vez de Koeleria rodriguez-graciae, endemismo este último limitado a estas serpentinas centrais de Galicia, as de Tras-os-Montes e ao substrato calcario do entorno do Courel, descrita hai xa unha década (Quintanar & Castroviejo, 2013) e probablemente ameazado. Tamén confunden Phleum bertolonii con Ph. pratense.
  6. Neste contexto de moi deficiente calidade técnica, neste capítulo de vexetación nin se mencionan, as peculiares comunidades serpentiníticas existentes, nomeadamente matogueiras (Ulici europaei-Ericetum scopariae Rigueiro & Silva Pando 1984, asociación endémica das serpentinas centrais de Galicia (confudidas polos autores do EIA como as xenéricas Ulici europaei-Ericetum cinereae) e comunidades pioneiras (Plantago radicatae-Sagino merinoiOubiña & Ortiz 1991), endémica das serpentinas de Melide e da Capelada, esta última representada na localidade pola subass. asteretosum aragonensis, exclusiva da zona termófila das serpentinas de Melide próxima ao río Ulla, e, por tanto, de alto valor bioxeográfico
  7. Finalmente, atrévense a realizar unha valoración de rareza, fraxilidade e valor ecolóxico desas unidades tan pesimamente caracterizadas, o que resulta nun esperpento de conclusións que desacredita totalmente a cualificación do persoal redactor deste apartado.
  8. En canto aos hábitats de interese comunitario, a información é completamente incoherente coa descrición previa da vexetación, xa que recoñece tipos de hábitats (realmente existentes) representados por comunidades de vexetación non identificadas no subapartado correspondente (por exemplo, queirogais húmidos, pseudoestepas de gramíneas anuais, megaforbios éutrofos ou pasteiros pioneiros). Ten certa calidade porque reproduce a existente na cartografía ambiental da Xunta de Galicia (dispoñible en (https://mapas.xunta.es/visores/conservaciondanatureza/), aínda que arrastra importantes eivas como a non identificación de cando menos, catro tipos de hábitat existentes: prados de sega de baixa altitude (cód. 6510, varias decenas de hectáreas na pretendida parcela industrial), os prados con Molinia (cód. 6410) os desprendementos mediterráneos occidentais e termófilos (cód. 8130) ou os sobreirais de Quercus suber (cód 9330), con 1 ha e a única representación deste tipo de hábitat na Ulloa). Porén, cando os autores do informe desenvolven a identificación destes hábitats e as especies asociadas, volve quedar de manifestó a ineptitude dos profesionais encargados desta encomenda, abundando especies inexistentes na localidade, localizacións erradas e, en conclusión, descoñecemento da materia sobre a que están escribindo.
  9. A cartografía de hábitats asociada é impresentable e de nula validez, incoherente coa cartografía da vexetación previamente presentada (ver extensión xenérica de matogueiras nesta última e a suposta escasa representación do tipo de hábitat correspondente -código 4030- reflectido); tamén sobresaen as localizacións totalmente erradas dos hábitats 8230 e 6430, entre outras deficiencias técnicas de bulto. Con semellante panorama, a valoración que fan dos Hábitats de Interese Comunitario non responde á realidade e, por suposto, non ten ningunha validez técnica.
  10. En canto a flora, deixa sen estudar a distribución e abundancia de Centaurea gallaecica, especie catalogada legalmente ameazada e ben distribuída na área afectada, así como a posible presenza doutras especies ameazadas existentes no entorno inmediato ou próximo, como Genista ancistrocarpa, Xiphion boissieri, Eryngium viviparum, Spiranthes aestivalis ou Selinum broteri. Respecto a Armeria merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Santolina melidensis, é relevante que non se consultaron numerosas fontes de información, nomeadamente as memorias de plan integral de recuperación e conservación realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia en 2009 e 2019. Ademais, fan unha delimitación de zonas de mostraxe a certos hábitats, co que deixan sen atención a certos prados (onde aparece Armeria merinoi sobre solos esqueléticos), matogueiras aclaradas onde medran Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum, así como lugares recentemente rozados e bordes de camiños, onde tamén aparece gallaecicum. A visualización da figura 8 (pax. 53 de 86 Do anexo II de flora, do EIA) amosa unha inapropiada selección de lugares de mostraxe, deixando fóra espazos apropiados no extremo SW do ámbito, tamén no extremo SW da propia finca de Quintas e noutras localidades onde se coñecen estas especies (datos inéditos do proxecto Flora Ulloa, do Instituto de Estudos Ulloáns).
  11. A cartografía resultante desta flora ameazada constitúe un debuxo moim incompleto da realidade. Na que denominan zona 1, que debería contar con maior superficie, deixa sen localizar Leucanthemum gallaecicum, observado en xullo de 2023 desde a traza da autoestrada, con numerosos exemplares; a zona 2 nunca a puidemos prospectar por ter acceso prohibido por mor da propiedade privada (Finca de Quintas); nas proximidades da zona 4 deixan sen cartografar e contabilizar un núcleo de varios centos de Armeria merinoi uns 100m a norte do polígono sinalado, máis outro núcleo no prado de recente transformación situado a NE; na zona 6 faise unha infraestima da poboación de Armeria merinoi, que conta nesa zona, nunha superficie moito máis ampla, cunha poboación da orde de miles de exemplares; tampouco se cartografía Santolina melidensis en toda a zona a norte do polígono sinalado, até a altura da lagoa e Quintas, onde tamén existe outro núcleo de poboación de Leucanthemum gallaecicum. Ademais, Armeria merinoi está tamén detectada na Costa do Batán (extremo SE da parcela industrial), en compañía de Santolina melidensis, especie esta última que ocupa varias zonas de todo o sector SW da parcela industrial, sempre considerando que non dispoñemos de prospeccións nin datos detallados no interior da Finca de Quintas.
  12. Finalmente, a valoración do conxunto de vexetación, hábitats e flora, vista a enorme cantidade de erros acumulados, resulta inválida desde o punto de vista técnico. A maiores, considera que a totalidade de pasteiros presentes son de escaso valor e comúns en Galicia, canto na realidade conteñen especies ameazadas como Armeria merinoi (non detectadas polo EIA) e outras de hábitos serpentiníticos, excepcionais no contexto de Galicia, e varios deles configuran o hábitat de interese comunitario código 6510. As medidas correctoras e compensatorias tamén supoñen un disparate, como trasplantar en tepes as especies ameazadas ou as comunidades pioneiras sobre rocha silícea e tratar de crear hábitats onde actualmente existe un piñeiral, por tanto solo profundo inapropiado sobre o que non prevén actuacións máis que desbroces durante tres anos. A execución dunha banda perimetral de plantación forestal podería supor outro atentado máis, coa introducción prevista de especies alóctonas (Populus nigra, Salix viminalis) ou inexistentes na área xeográfica (Fagus sylvatica, Viburnum tinus) ou mesmo inapropiadas segundo a escasa profundidade e natureza  serpentinítica da maior parte dos solos. Por non saber, os autores até falan de Betula celtiberica e de Betula alba como especies diferentes, cando son sinonimias referidas a unha mesma especie.
  13. Ademáis dos excepcionais valores florísticos, a área presenta un importante valor desde o punto de vista xeolóxico e edafolóxico debido á existencia dos citados afloramentos serpentiníticos, que só ocupan o 0,2% do territorio galego e o 1% do planeta. E tamén un elevado valor faunístico, con presenza regular e confirmada doutras dúas especies En perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas (a volvoreta Zerynthia rumina e o caracol Elona quimperiana) e outras oito Vulnerable (a libeliña Oxygastra curtisii, a lesma Geomalacus maculosus, os anfibios Chioglossa lusitanica, Hyla molleri (citada como arborea), Rana iberica e Rana temporaria parvipalmata, e as aves Circus pygargus e Circus cyaneus). Conta ademáis cunha riqueza inusual en aves de espazos abertos, contabilizando 18 especies incluidas no Anexo I da Directiva 2009/147/CE (para as cales é preciso declarar Zonas de Especial Protección), entre as que destaca Elanus caeruleus (única localidade de cría regular en Galicia durante os últimos anos), así como oito especies avaliadas En Perigo e sete calificadas Vulnerable no recente Libro Rojo de las Aves de España (López Jiménez, 2021).
  14. Que en contraste con esta excepcional riqueza en biodiversidade, que xa por se mesma debería facer desestimar a ocupación desa pretendida parcela industrial, a empresa promotora presenta un estudo de impacto ambiental (EIA) notoriamente incompleto e deficiente. Ademais do citado no que respecta á flora, vexetación e hábitats, no referente ás aves, a memoria do medio biótico do Estudo de Impacto Ambiental presentado por Greenfiber, resulta manifestamente errado e incompleto (so atestigua mostraxes entre xuño e setembro, en vez durante un ciclo anual completo e non especifica horarios nen duración de puntos de observación e transectos), carece de datos cuantitativos e está sustentado en base á consulta de obras desactualizadas; por exemplo, referencia o Libro Rojo de las Aves de España de 2004 en vez da recente revisión de 2021, tampouco manexa o recente Atlas de las Aves en época de reproducción de España (https://atlasaves.seo.org/; SeoBirdlLife, 2022), nin tampouco outras referencias bibliográficas específicas. Como resultado, omite completamente a existencia de importantes especies catalogadas e ameazadas, como Elanus caeruleus, Asio flammeus, Lanius meridionalis, Hieraaetus pennatus, Pernis apivorus e Falco columbarius. Os inventarios de mamíferos, anfibios e réptis tamén resultan deficientes e con resultados que non reflicten a realidade das comunidades existentes, deixando sen detectar especies ameazadas (os anfibios Chioglossa lusitanica, Hyla molleri e Rana ibérica), por non falar da inexistencia de mostraxes referidas a invertebrados terrestres na área de afección prevista pola parcela industrial, onde, entre outras, está citada a volvoreta Zerynthia rumina, catalogada En perigo de extinción en Galicia (Decreto 88/2007) ou a libeliña Oxygastra curtisii (vulnerable). En consecuencia, o EIA non valora adecuadamente o impacto ocasionado pola ocupación industrial.
  15. En canto a outros sectores xeográficos afectados polo conxunto do proxecto, nomeadamente o encoro de Portodemouros -onde se pretende captar até 46 millóns de litros de agua diarios e devolver 30 millóns con elevada carga orgánica e outros compostos químicos perigosos ao río Ulla, 1,5 km por riba do encoro-, o EIA presentado non desenvolveu mostraxes específicas da maior parte da fauna de ditas áreas. Como resultado, omite a existencia de numerosas aves acuáticas durante todo o ano no encoro de Portodemouros, entre as que destacan a libeliña Macromia splendens (catalogada En perigo de extinción en Galicia, e a aguia peixeira (Pandion haliaetus), habitual nos pasos migratorios, esta última catalogada Vulnerable tanto en Galicia (Decreto 88/2007) como no ámbito español (RD 139/2011).
  16. Como consecuencia das carencias da memoria do medio biótico, o EIA non valora adecuadamente os impactos ocasionados sobre a fauna existente nas áreas afectadas polo proxecto, polo que debe ser rexeitado. Tendo en consideración que a ocupación industrial de 360 ha vai destruir ou alterar significativamente grande parte do hábitat dispoñible para as aves citadas na zona serpentinítica situada entre os concellos de Palas de Rei, Santiso e Melide, o impacto xerado pode considerarse severo ou crítico, en especial para as especies que requiren territorios de maior extensión, varias delas ameazadas, que non só reducirían o seu número local de efectivos, senón que poderían desaparecer da área: é o caso das tartarañas (Circus cyaneus, C. pygargus e C. aeruginosus) ou do peneireiro cincento (Elanus caeruleus), con impacto crítico na súa poboación nidificante no ámbito de Galicia.
  17. De maneira inapropiada e escandalosa, o EIA menciona, entre as medidas correctoras e compensatorias con respecto a fauna, a protección da lagoa de Quintas, o correcto regulamento das súas aguas ou o mantemento dun niño existente de cigoña (Ciconia ciconia), cando se trata de medidas que xa están ou legalmente deberían estar en vigor na actualidade, xa que a lagoa forma parte da ZEC Serra do Careón (Rede Natura) e consta no Inventario de Humidais de Galicia, e a cigoña é unha especie protexida.
  18. As zonas serpentinícas limítrofes polo oeste coa parcela industrial proxectada, protexidas dentro da ZEC Serra de Careón (ES1110014), nomeadamente o coñecido como Monte de Basadre (parroquia de Ramil, Palas de Rei), poderán verse afectadas polo déficit de recarga de acuíferos ocasionado pola urbanización de centos de hectáreas na parcela industrial, onde as precipitacións atmosféricas de agua serían recollidas e canalizadas directamente a cursos de agua (datos do EIA). Este impacto no rexime hidrolóxico sobre os hábitats e especies de interese comunitario, así como sobre as especies catalogadas ameazadas en Galicia, podería ser moi grave e non ten sido avaliado no EIA presentado por Greenfiber.
  19. Ademais, o río Ulla, afectado pola captación de aguas e o vertido de efluentes industriais con elevadas cargas orgánicas e valores altos de demanda biolóxica de osixenio, representa o hábitat doutras tres especies catalogadas en perigo de extinción: o aguaneiro (Galemys pyrenaicus), o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) e a libeliña Macromia splendens, e aínda conserva poboacións de salmón (Salmo salar), tamén moi ameazadas. O encoro de Portodemouro xa ven de ser avaliado en dúas ocasións como masa de agua en deficiente estado de conservación por Augas de Galicia, seguindo a Directiva Marco da Auga (2000/60/CEE), con proliferación de cianobacterias tóxicas na estiaxe, e a captación e vertido de Greenfiber, con elevada carga orgánica, outros compostos químicos perigosos e que chegará ao río a 27ºC (datos do EIA), agravará e incidirá de forma negativa nesta situación, afectando a toda a biodiversidade do río Ulla aguas abaixo e mesmo da ría de Arousa.
  20. Ao anterior engádense os efectos da masiva eucaliptización das comarcas centrais de Galicia, xa comezada hai escasos anos, pero que se poderían agudizar coa implantación da macrofactoría de Greenfiber (Altri), o que suporía unha adicional perda de biodiversidade para estas comarcas, camiñando en contra do obxectivo da Unión Europea de deter a perda de biodiversidade antes do ano 2030. Tamén ocasionarían un elevado risco de degradación de solos, maior consumo de agua e ameaza de incendios catastróficos, que poden acabar con vidas humanas, como xa aconteceu en 2017 en Portugal.
  21. Asimesmo, a contaminación atmosférica poderá provocar, alén de efectos nocivos na saúde humana, degradación dos ecosistemas no entorno próximo (estimado nun radio de 30 km), con consecuencias negativas para o sector agrogandeiro e a biodiversidade asociada ao conxunto do territorio afectado, caracterizado por un mosaico de prados, cultivos e manchas de arboredo autóctono. Os efectos socioeconómicos estenderíanse de forma crítica a todas as propiedades arredor da parcela industrial proxectada (elevado risco de abandono por perda de valor das terras) e ao sectores ligados a Camiño de Santiago (Camiños Francés e Primitivo), que se verían afectados polo evidente deterioro paisaxístico derivado da eucaliptización, altos edificios industriais e unha cheminea de 75 m de altura botando fume.
  22. Os Camiños de peregrinación a Santiago de Compostela veranse gravemente prexudicados pola implantación da industria promovida por Greenfiber. Os máis afectados pola contaminación atmosférica, coa emisión de dióxido de nitróxeno, dióxido de xofre, partículas sólidas e compostos orgánicos volátiles que xerarán unha perigosa choiva ácida, e polo impacto visual e paisaxístico debido á elevada cheminea, as liñas eléctricas, o tráfico de camións, á perda de bosque autóctono e á degradación dunha paisaxe propia, serán o Camiño Francés, declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993, e o Camiño Primitivo, Patrimonio da Humanidade en 2015.
  23. A contaminación do río Ulla, do que se proxecta extraer diariamente 46.000 m3 de auga e verter 30.000 m3 con sustancias contaminantes e a unha temperatura máis elevada, co consecuente deterioro dos ecosistemas fluviais, afectará ao Camiño Portugués e á Ruta do Mar de Arousa e Ulla ou Ruta Marítima Xacobea. As declaracións de Patrimonio da Humanidade do Camiño Francés e do Camiño Primitivo e a aspiración a esa consideración dos demais Camiños a Compostela, veranse seriamente comprometidas, co risco, máis que probable, de que sexan retiradas polo Comité do Patrimonio Mundial da Unesco debido á perda do carácter con que foron concedidas, sendo a perda da paisaxe tradicional o elemento decisorio.
  24. O Camiño de Santiago é o maior impulsor da economía nas comarcas da Galicia interior, nas que unha economía sostible e respectuosa co medio, asociada á agricultura e á gandería, así como os hábitos e a forma de vida tradicionais que modelan a paisaxe antrópica, fan delas o maior atractivo para os peregrinos. O impacto ambiental e paisaxístico que se produciría no Camiño Francés, o máis afectado, ocasionaría un progresivo e alarmante descenso do número de peregrinos e un deterioro irreparable da economía local. Concellos como o de Palas de Rei, declarado Concello de Interese Turístico en 2015 pola súa integración no Camiño, perdería todo interese para os peregrinos, co consecuente declive dunha industria hoteleira que tivo un crecemento exponencial nos últimos anos.
  25. En definitiva, con este proxecto resultarán gravemente afectados o patrimonio natural e cultural da comarca da Ulloa e limítrofes (Arzúa, Deza e Terras de Melide), así como o estado das augas da bacía hidrográfica do río Ulla e da atmosfera, que poderán impactar nos sectores agrogandeiro e turístico e na saúde das persoas, da terra e na paisaxe. Do mesmo xeito compromete a viabilidade ecolóxica do río Ulla e afectaría directamente á ría máis produtiva de Galicia, a ría de Arousa, que posúe unha grande biodiversidade e potencial socioeconómico.

 

Na base do anteriormente exposto

SOLICITA:

1.- REXEITAR o estudo de impacto ambiental (EIA) promovido por Greenfiber, S.L. pola súa mala calidade técnica, resolver unha declaración negativa, a denegación da autorización ambiental integrada (AAI), así comio a NON declaración de utilidade pública do proxecto.

2.- A protección efectiva da zona afectada pola parcela industrial proxectada, para evitar calquera tipo de urbanización ou ben a transformación substancial dos hábitats naturais e seminaturais existentes.

3.- Que se recoñeza ao Instituto de Estudos Ulloáns como entidade interesada no proxecto e as suas afeccións

 

En Monterroso, a 17 de abril de 2024.

 

 

SR SECRETARIO XERAL DE INDUSTRIA

SECRETARIA XERAL DE INDUSTRIA. CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN. 

 

Lagoa de Quintas

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn