Cartografía simbólica, exposición de Antón Patiño no castelo de Pambre
O sábado 8 de maio, será inaugurada nas salas do castelo de Pambre (Palas de Rei) a exposición de Antón Patiño “cartografía simbólica”. Organizada polo Instituto de Estudo Ulloáns, esta mostra recolle obras das diferentes etapas artísticas do pintor, así como libros, documentos e obxectos cos que se pretende achegar ao público á personalidade e creatividade dun dos pintores con maior proxección internacional na arte galega contemporánea.
Inaugurará a exposición a Comisaria de Xacobeo, Cecilia Pereira, especialista en arte medieval e experta en xestión cultural. Contarase ademais coas intervencións de Antón Patiño; Braulio Vilariño, coordinador de exposicións do IEU; Francisco Pardo, director do IEU, e dun representante do Concello de Palas de Rei.
“Cartografía simbólica” está comisariada por Antón Patiño e por Braulio Vilariño, que contou coa axuda da historiadora da arte Susana Varela Negro. Os carteis e material divulgativo foron realizados pola deseñadora ulloana Azucena Souto (Du-As Deseño). A exposición permanecerá instalada do 8 de maio ao 30 de xuño de 2021, no horario de visitas do castelo de Pambre.