Colaboración do IEU con Espazos Sonoros

Espazos sonoros Pambre 2017 -1O domingo 17 de setembro, na xornada musical que Espazos Sonoros organizou no castelo de Pambre (Palas de Rei), o IEU participou como colaborador con esta entidade, guiando aos visitantes na visita á fortaleza previa ao concerto de guitarra clásica do músico e investigador tudense Samuel Diz.

Dado o elevado número de asistentes e unhas condicións meteorolóxicas non apropiadas para un concerto ao aire libre, proxectado no harmonioso espazo do patio de armas, foi necesario facer dous grupos de visitantes e ofrecer o concerto en dous pases, xa que a sala de exposicións da casa do castelo resultou insuficiente para un público tan numeroso.

A visita guiada polo Instituto de Estudos Ulloáns comezou na muralla exterior da fortaleza cunha introdución á xeografía e á administración do territorio na comarca da Ulloa, comparando a época medieval coa actual. Continuou polos diferentes recintos do castelo, facéndose as oportunas referencias á historia, á arquitectura, á magnífica rehabilitación, á xenealoxía e ás formas de vida das diferentes familias que o habitaron ao longo dos séculos, tanto no referente á fortaleza medieval da familia Ulloa, dos séculos XIV e XV, como á casa labrega da familia Moreiras, foreiros dos Condes de Monterrei e da Casa de Alba, e recreándose os cambios acontecidos no paso da idade media á idade moderna, que coincide coa finalización da construción do propio castelo e o progresivo abandono por parte dos seus propietarios.

O concerto tivo lugar na sala de exposicións do castelo, onde o IEU ten instalada a súa exposición de arte románica “As Nosas Señoras do Camiño”, que serviu de marco idóneo para a versión que o guitarrista Samuel Diz fixo de obras de guitarra clásica relacionadas con Galicia e que titulou “Paseando dona Silvana polo corredor arriba, tocando nunha guitarra cousa que ela ben sabía” título baseado nun romance recollido a poucos quilómetros de Palas de Rei polo musicólogo lucense Jesús Bal y Gay, autor do que interpretou unha obra de estética neoclásica dedicada a Regino Sainz de la Maza. Ademais dunha composición de Mompou de inspiración galega e doutras do coruñés José Chas, interpretou unha obra dun autor galego contemporáneo, Saúl Chapela, presente no concerto e que explicou ao público a súa composición.

 

Espazos sonoros Pambre 2017 -3

Espazos sonoros Pambre 2017-2

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn