En lembranza de Araceli Herrero Figueroa
Lamento comunicarvos o falecemento, vítima da COVID-19, da nosa tan prezada socia Araceli Herrero Figueroa.
“Lilí” Herrero, aínda que lucense intramurallas, de familia de tradición e arraigamento na capital, tivo tamén moita relación coa Ulloa. O seu pai, soado médico odontólogo, tiña consulta aberta en Lugo, mais unha ou dúas veces á semana viña consultar tamén a Monterroso, onde fixo moitos amigos, como o pintor e historiador Antonio Yebra de Ares, ao que hai un ano o IEU lle dedicou unha sala de exposicións, ou o doutor Espiño, do que varios fillos e familiares son socios destacados do IEU.
Nos seus desprazamentos a Monterroso, ao doutor Herrero acompañábao con frecuencia a súa filla Araceli, que desfrutaba xogando coa rapazada da vila, na que tamén fixo boas e perdurables amizades. Na última conversa que tiven con ela, hai xa uns meses, falábame dos gratos recordos que tiña de Monterroso, do seu contacto co mundo rural, que consolidou a súa identidade como galega do interior, e sobre todo da imaxe costumista da Feira de Monterroso, da afamada Feira de Santos, cita obrigada da súa familia todos os anos e que aos ollos dunha nena adquiría un certo carácter máxico.
Fíxose Lilí Herrero socia do IEU como lembranza do seu pai e das súas vivencias na Ulloa, e como solidariedade coa nosa causa, que non é outra que a da cultura. O ano pasado ofreceunos, para colaborar con nos na exposición que organizamos como homenaxe a Yebra de Ares, óleos deste pintor da súa colección particular e dos que o seu pai tiña grande estima.
Araceli Herrero Figueroa era Licenciada e doutora en Filoloxía Románica (Español), e licenciada tamén en Filoloxía Galego-Portuguesa. Foi catedrática no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. De trato agradable e erudita conversa, Araceli era unha muller de refinada cultura. Escritora, ensaísta e crítica literaria, foi discípula de Ricardo Carballo Calero, primeiro como alumna do colexio Fingoy, despois no mundo académico e sempre no mundo da cultura
Lembro aos dous no Colexio Fingoy, do que tamén fun alumno. D. Ricardo era director do colexio e profesor de Literatura Castelá, aínda que, sen ser oficial, impartía tamén a Galega. Fingoy foi pioneiro en moitos eidos educativos na Galicia franquista, mais entre as moitas actividades didácticas e artísticas que se organizaban acotío no colexio a que máis fonda pegada deixou en min foi o recital de poesía. Aos alumnos máis novos dábannos a escoller entre diferentes autores para recitar, e eu escollín a Rosalía, Curros e Pondal, con tres poemas e nun escenario que nunca esquecerei. O xurado estaba presidido por Carballo Calero e Araceli Herrero, a súa alumna avantaxada, unha rapaza de non máis de 18 anos que para os máis novos xa era toda unha mestra da literatura galega.
Foi Araceli Herrero autora de monografías, obras colectivas e artigos sobre lingua, literatura e didáctica en diversas publicacións e revistas literarias galegas. Destacamos o seu traballo sobre o teatro en Fingoy e os seus ensaios sobre Luis Pimentel e Emilia Pardo Bazán.
Lembraremos sempre con agarimo á nosa socia Araceli Herrero Figueroa, culta filóloga, mestra da lingua e literatura galega, fiel discípula de Carballo Calero e amiga solidaria do IEU.
Francisco Pardo Teijeiro
Director do Instituto de Estudos Ulloáns
Araceli Herrero Figueroa