Excursión botánica ao Monte de Basadre (23/5/2021)

Despois de máis dun mes da primeira excursión botánica na Ulloa deste 2021, volvemos a buscar, ver e gozar coas plantas silvestres este domingo. Novamente ao monte de Basadre, as serpentinas onde medran tantas plantas raras non só na Ulloa, senón para o conxunto de Galicia e para o mundo enteiro.
Cando estiveramos na zona en setembro falouse de voltar na primavera a coñecer en directo a floración das plantas que teñen neste substrato ultrabásico serpentinítico do centro de Galicia (parte dos concellos de Toques, Melide, Santiso, Palas e Agolada) a súa reducida área de distribución en todo o planeta. A herba de namorar Armeria merinoi está rematando súa floración, e logo comezan a margarida ou magarza Leucanthemum gallaecicum e a Santolina melidensis, mentres Centaurea gallaecica se mantén durante máis meses.
Outras decenas de especies de plantas só as vamos encontrar aqui (non no resto da Ulloa e apenas noutros lugares concretos de Galicia), entre elas varios dos chamados nanoterófitos (plantas anuais moi pequenas), favorecidos agora por estas semanas de chuva. Un exemplo é o Isoetes histrix, un fento moi primitivo que ilustra o carteliño da excursión.
Excursión Flora da Ulloa 2-21, Monte Basadre, Instituto de Estudos Ulloáns
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn