Excursión botánica á cunca do río Ferreira (AugasSantas, Palas de Rei), domingo 24/3/2024

    Comezamos o ano con consternación pola tremenda ameaza que supón a presentación a exposición pública dos proxectos da fábrica de celulosa e lyocell que proxecta Altri na zona de maior interese botánico da Ulloa, que forma parte dunha área que calificaría como excepcional para flora endémica e ameazada a nivel español. Suporía un retroceso aínda non vivido no século XXI na conservación da biodiversidade e na vulneración da lexislación a respecto, xusto o contrario aos obxectivos europeus de deter a perda de biodiversidade en 2030. Por non falar de tantos outros aspectos (consumo exorbitado de auga, contaminación, eucaliptización, degradación da paisaxe na beira do Camiño de Santiago, efectos nos sectores primario e turistico, etc…)  que preocupan e ocupan nestes momentos a boa parte dos habitantes do centro de Galicia.
     Este ano adicaremos varias excursións a prospectar plantas nas zonas afectadas no concello de Palas de Rei, información que agardamos non quede como acta de defunción, senón como revalorización do espazo. De feito, o pasado domingo 17 xa se fixo unha visita botánica a un sector da zona, non publicitada.
      O domingo 24 de marzo coñeceremos un treito da cunca alta do río Ferreira, cerca das aldeas de Alvite, Sucastro e A Cernada, aldea esta última onde varias compañeiras desenvolven un magnífico proxecto de produción agroecolóxica (leite e iogurtes Sen Máis). Un territorio que aínda non ollamos con perspectiva botánica, que conta con interesantes masas de bosque autóctono e prados, onde poderían aparecer especies escasas ou raras na Ulloa, quizais mesmo novidades.
Xurxo Mouriño

Proxecto Flora da Ulloa

Excursión Flora da Ulloa 1ª 2024, Cunca do río Ferreira, AugaSantas, 24-3-2024, Instituto de estudos Ulloáns

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn