Falecemento da escultora Ana Sastre

Ana Sastre Soriano

Lamento comunicarvos o falecemento da nosa prezada amiga Ana Sastre, escultora coruñesa con taller en Sada e autora da primeira exposición do Instituto de Estudos Ulloáns.

Ana Sastre Soriano naceu en Las Navas del Marqués (Ávila) pero veu á Coruña como profesora e optou por ir vivir a Sada, onde instalou un fermosísimo taller que compartía co seu home, José Luis, hábil restaurador de antigüidades. Coma nun gran escenario operístico, as obras de Ana e as antigüidades de José Luis cobraban vida propia neste taller, invitándonos a viaxar polo tempo e por coloridos espazos, tanto históricos como imaxinarios.

Coñecín a Ana nunha xeira de O Sorriso de Daniel, asociación da que tamén son socio. A miña identificación con ela e con José Luis foi instantánea, con eles compartín o amor e o gusto pola arte románica e o desfrute da boa compañía. Foi ela quen me puxo en contacto cos seus bos amigos: o cura de Guitiriz, Alfonso Blanco, promotor cultural e gran defensor dos dereitos humanos, e o prolífico historiador e escritor chantadino Xosé Lois García, hoxe socio do IEU e que tanto leva aportado ao noso instituto.

Desa conxunción á que nos levou o destino naceu a idea de organizar unha exposición de arte románica na Ulloa. Ana realizara espléndidas réplicas de virxes románicas e pedinlle unha selección de virxes do Camiño de Santiago. Así xurdiu a primeira exposición do IEU, que titulei As Nosas Señoras do Camiño e con ela inauguramos a sala de exposicións do castelo de Pambre. Ana cedeu a maior parte das pezas; Alfonso Blanco contribuíu con outras tres pezas de Ana da súa colección particular; Xosé Lois escribiu o erudito prólogo do catálogo que elaboramos entre varios socios e socias do IEU, con fotografías de Patricia Coucheiro; Paco Ledo leu os seus poemas na inauguración, e mesmo tivemos a colaboración do prior do Mosteiro de Samos, que nos cedeu a imaxe da fermosa Virxe da Valvanera, obra tamén de Ana e que veneraba na súa propia cela. E como non, tivemos tamén unha reprodución da famosa Virxe de Pesqueiras (Chantada), da que non se conserva o orixinal.

Ana era unha artista polifacética, de exquisita estética, moi creativa e de gran sensibilidade. Dotada dunha personalidade magnética, era desas persoas que transmiten bondade e entusiasmo pola vida. A pesar da súa longa enfermidade nunca deixou de desenvolver proxectos artísticos nin de perder o ánimo, foi sempre un exemplo de enteireza, de ilusión e de espiritualidade.

Lembrarémola sempre como a marabillosa persoa que era e como autora das Nosas Señoras do Camiño. Ana Sastre Soriano, que recuperou tantas virxes románicas esquecidas, faleceu o 7 de outubro, día da Nosa Señora do Rosario.

 

Francisco Pardo Teijeiro
Director do Instituto de Estudos Ulloáns

 

 

Crónica do falecemento de Ana Sastre publicada en La Voz de Galicia:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/sada/2020/10/09/abegondo-reserva-da-biosfera-promociona-valor-ornitologico-territorio-span-langglunha-artista-recuperaba-virxes-medievaisspan/0003_202010H9C69911.htm

 

Díptico da exposición As Nosas Señoras do Camiño:
http://ieu.gal/wp-content/uploads/2017/11/diptico-exp-As-Nosas-Se%C3%B1oras-do-Cami%C3%B1o.pdf

 

Catálogo da exposición As Nosas Señoras do Camiño:
http://ieu.gal/wp-content/uploads/2017/11/Catalogo-exp-As-Nosas-Se%C3%B1oras-do-Cami%C3%B1o.pdf

Ana Sastre e Alfonso Blanco na exposición As Nosas Señoras do Camiño
Ana Sastre e Alfonso Blanco no castelo de Pambre na exposición As Nosas Señoras do Camiño

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn