En memoria de Don Carlos Méndez, socio de honor do IEU

NECROLÓXICA

Este vinte de setembro do 2023 o mundo da cultura perdeu un baluarte ao finar don Carlos Méndez Vázquez. Monterroso está de loito e moitos corazóns choran a súa partida. Home de fe arraigada, de humildade grande, exerceu durante décadas exemplarmente o sacerdocio. Amigo dos seus amigos.

No ano 1931 nace na Casa da Torre de Pedraza un meniño ao que chamarían Carlos, no seo dunha familia labrega, acomodada e profundamente cristiá. Esta última circunstancia inflúe en que varios membros da irmandade se consagran á vida relixiosa, ben ordenándose como sacerdotes, ben seguindo a regra dalgunha congregación. Don Carlos sempre foi unha persoa recatada e só algúns amigos moi íntimos e a súa familia saben que a súa estadía no seminario a resolveu brillantemente obtendo unhas cualificacións que poderíamos tachar de aburridas, pois sempre, empecinadamente, conseguía a mesma nota, matrícula de honra, en cada materia. Pero a súa inquedanza por adquirir novos coñecementos non rematou co seu paso polos estudos relixiosos. Seguiu como autodidacta formándose nos campos da historia, da arte e da documentación. Froito deste traballo continuo a prol do coñecemento publica diversas obras e edita postumamente unha colección de poemas de don Teolindo Cortiñas.

Exerceu como cura primeiro na montaña lucense e uns poucos anos despois no seu ben querido Monterroso. Os que o tratamos con fondura sabemos da súa docilidade, fidelidade, pacencia, sinxeleza, modestia, respecto polos demais, vontade de servizo e bondade. Cantas veces non antepuxo o ben dos seus fieis sobre o de si mesmo. Para exemplo do que afirmo sirva cando abandonou os estudos de Medicina na Universidade de Salamanca, malia estar acadando unhas excelentes notas, porque dificilmente os podía compatibilizar coa súa vocación como párroco e, a dicir del, impedíanlle “ter a parroquia ben atendida”.

Co seu transo vaise o continuador da obra de don Ramón. A don Carlos lle debemos rematar a igrexa da vila, a catedral de Monterroso, como algúns deron en chamala. A don Carlos lle debemos a creación da agrupación coral. A don Carlos lle debemos a creación do Museo Parroquial, recentemente convertido no Centro de interpretación “Monterroso, a vila das feiras” tras a doazón da colección museística ao Concello de Monterroso.

Foi home de principios, guía espiritual de moitos, amante da súa familia (dos seus irmáns, dos seus sobriños…). Amou a cultura todo canto humanamente se pode amar e así estivo vinculado activamente á mesma ata o fin dos seus días.

Aínda recordo con que ilusión formou parte das primeiras reunións para a creación da asociación cultural á que tanto quixo: Instituto de Estudos Ulloáns.

Co tránsito de don Carlos non se vai un home máis, vaise un persoeiro da cultura, vaise un párroco querido, vaise un benfeitor para Monterroso, e aos que conformamos o IEUlloáns, vaisenos un compañeiro ilustre.

Dende fai un par de anos don Carlos sempre repetía a mesma expresión: “Estou esperando ao  Señor, quérolle moito”. Que este último desexo seu se vexa cumpridamente satisfeito e que goce prontamente desa unión coa divindade que tanto desexaba.

María José Gómez Alvite

 

 

Carlos Méndez, excursión do IEU a Sirgal, outubro 2017

Don Carlos dirixindo a excursión do IEU ao castro de Sirgal (Monterroso) en outubro de 2017.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn