O IEU e alumnos e profesores da Facultade de Xeografía da USC visitan o nacemento do Rio Ulla
Un dos obxectivos prioritarios do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) foi a localización precisa do centro xeográfico de Galicia, polo que solicitou a súa determinación ao Instituto Geográfico Nacional (IGN), que o situou na aldea de Nugallás, en Antas de Ulla. Posteriormente, solicitou ás Administracións autonómica, provincial e local a súa intervención para protexer este punto de interese xeográfico, solicitude que foi respondida pola Deputación de Lugo co proxecto do Parque Central de Galicia.
Outra das súas metas foi a localización do nacemento do río Ulla, tema tan controvertido como o do centro xeográfico de Galicia. Algúns investigadores situábano na Serra da Vacaloura (Concello de Monterroso), outros no monte Costa, a maior parte en Olveda (Concello de Antas de Ulla), e o IGN na aldea de Cal de Mourelle (Concello de Taboada).
O estudo máis recente sobre este tema é o do xeógrafo Horacio García, profesor de xeografía na Universidade de Santiago e socio do IEU, que sitúa o nacemento do Río Ulla na Chousa da Poteira, nos montes de Olveda (Antas de Ulla).
No último número de Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns (http://ieu.gal/cairon-boletin-ieu/) o xeógrafo palense publicou o artigo “Onde `nace´ o río Ulla? Un percorrido científico na busca das súas fontes”, no que da as coordenadas exactas do nacemento do Ulla: 42 0 43’ 14,46 ‘’ Norte (latitude) e 70 50’ 54,99’’.
54,99’’ Oeste (lonxitude).
A metodoloxía científica utilizada por Horacio García susténtase no emprego de diversas variables de cálculo utilizadas en morfometría fluvial, así como do SIX (Sistema de Información Xeográfica), que facilitou a información espacial necesaria para os procedementos de cálculo. Das dez variables posibles para identificar o río principal dunha rede de drenaxe, utilizou oito para determinar a canle principal: caudal, área da cunca vertente, altitude da fonte, densidade de drenaxe, lonxitude máxima, nivel de xerarquización, pendente media do leito e índice de sinuosidade.
Socios do IEU no nacemento do río Ulla, de esq a der Horacio García, Hilda García Cabanas, Xosé Luis Santiso, Xurxo Mouriño, Teresa Batán e Francisco Pardo.
O sábado 17 de decembro, membros do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) acompañaron ao profesor Horacio García e aos seus alumnos da Facultade de Xeografía da Universidade de Santiago na súa viaxe de estudos á Ulloa, na que percorreron a zona do nacemento do río Ulla e a contorna do castelo de Pambre.
Os directivos do IEU Xosé Luis Santiso, Hilda García Cabanas, Xurxo Mouriño, Francisco Pardo e Jesús Otero, recibiron aos excursionistas na vella escola de Peibás (Antas de Ulla), na que o director do IEU, Francisco Pardo Teijeiro, impartiu unha charla sobre a historia, os obxectivos, as actividades e os proxectos do Instituto.
Francisco Pardo, director do IEU, na escola de Peibás explicando os proxectos do IEU
Continuou a visita cun percorrido ata o afloramento da Chousa da Poteira, en Olveda (Antas de Ulla), na que Horacio García sitúa o nacemento do río Ulla e onde explicou as características xeográficas e a metodoloxía utilizada para a súa determinación. A transcendencia do achado saliéntaa no seu artigo: Este estudo pode ser un primeiro paso para que o Instituto de Estudos Ulloáns lidere varias débedas pendentes co río Ulla. Por unha banda, arranxar as dúbidas sobre as súas fontes mediante a divulgación e posta en valor da Chousa da Poteira como fito e lugar simbólico da comarca. O feito de mergullar a man no pequeno burato que dá orixe ao río Ulla ben paga a pena. Sentir como brota a auga das entrañas da terra é unha pequena viaxe sensorial. Esa mesma auga é a que logo de ducias de quilómetros rematará o seu periplo doce no océano Atlántico, dando orixe á ría galega por antonomasia, a senlleira ría de Arousa. E todo comeza aquí, no corazón de Galicia.
A intervención de Horacio García foi acompañada polas explicacións botánicas do biólogo e asesor medioambiental Xurxo Mouriño. E ao pé do afloramento, os participantes, co espírito descubridor dos antigos exploradores, foron retratados como o primeiro grupo de excursionistas que visita o nacemento do maior río integramente galego.
Posteriormente os alumnos e profesores de Xeografía da USC visitaron o castelo de Pambre, en Palas de Rei, no que o director do IEU correspondeulles cunha visita guiada de carácter histórico.
Socios do IEU e alumnos e profesores da Facultade de Xeografía da USC no nacemento do río Ulla (17 decembro de 2021)
O director do IEU explicando a historia do castelo de Pambre aos alumnos e profesores de xeografía da USC