O IEU pide á Deputación de Lugo que merque a Finca de Quintas de Palas de Rei onde se prevé instalar Altri
O INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS
EXPÓN
-A Finca de Quintas de Palas de Rei é un enclave de especial interese xa que atesora grandes valores naturais e paisaxísticos. A existencia de hábitats naturais e agrarios, e sobre todo a presenza de especies endémicas, convértena nun espazo relevante para a conservación da biodiversidade galega e europea.
-O proxecto de instalación dunha macrofábrica de pasta de celulosa na Finca de Quintas ameaza con destruír un dos espazos naturais mais destacados da Galicia interior
-Destacan na Finca de Quintas as poboacións de catro especies vexetais, asociadas aos afloramentos de serpentinitas, que non se encontran en ningún outro lugar do mundo: Armeria merinoi, Leucanthemun gallaecium, Santolina melidensis, Centaurea gallaecica, as tres primeiras catalogadas en perigo de extinción.
-Ten ademais relevancia ornitolóxica pola presenza regular de dúas especies de aves incluídas no catálogo galego de especies ameazadas e son habituais 18 especies de aves para as cales é preciso a declaración de Zona de Especial Protección.
-A Finca de Quintas ten 123 Ha. no Concello de Palas de Rei (Lugo), a maior parte delas ocupadas por hábitats de interese comunitario (HIC), mais carece de protección ambiental. E outras 66 ha. no Concello de Santiso (A Coruña) incluídas no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.
-A Finca de Quintas debería recuperar o seu uso agropecuario extensivo e ecolóxico, que a podería facer receptora de axudas agroambientais da Unión Europea, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade e a favorecer a soberanía alimentaria, así como a promocionar proxectos de agroturismo.
-Pola súa gran extensión e diversidade de hábitats, e pola súa localización estratéxica no centro de Galicia, poderíanse crear nela instalacións para investigación no eido botánico e zoolóxico, en colaboración coas universidades galegas, e para impartir cursos de ciencias medioambientais. Por outra parte, a súa proximidade ao Camiño Francés a Compostela (700 m.) permitiría a creación de espazos de encontro e de acollemento aos peregrinos.
SOLICITA
A compra por parte da Deputación de Lugo da Finca de Quintas de Palas de Rei para conservar a súa riqueza natural e biodiversidade, coa posibilidade de crear nela centros de estudos mediambientais, de promoción ao agroturismo e de acollemento a peregrinos do Camiño de Santiago.
SR PRESIDENTE. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE LUGO. Rúa San Marcos, 8, 27001 Lugo