O IEU promociona o Camiño Santo

Un dos obxectivos do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) para os años 2020 e 2021 é o estudo, a divulgación, a recuperación e a protección do Camiño Santo, camiño medieval, e posteriormente Camiño Real, que serviu de ruta alternativa aos peregrinos do Camiño francés no seu tramo medio galego e que, por outra parte, facilitou o desprazamento dos arrieiros ás feiras de Monterroso dun xeito áxil e seguro.

Trátase dun camiño que tivo historicamente unha gran transcendencia social, económica, cultural e relixiosa nas comarcas da Ulloa e de Chantada, xa que, partindo co Camiño francés, transcorre polos concellos de Chantada, Taboada, Monterroso e Palas de Rei, para incorporarse novamente ao francés no Coto, xa chegando a Melide. Une, xa que logo, a Ribeira Sacra coa Ulloa, sucedéndose unha serie de igrexas románicas, magníficos exemplos do románico rural, obra de mestres que traballaron en ambas zonas ou procedentes dos talleres compostelás.

Percorrer o Camiño Santo non sería posible sen as sólidas pontes medievais, aínda hoxe conservadas, que permitiron franquear os impetuosos rios da comarca, nin sen os hospitais e albergues que deron pousada e abrigo a peregrinos e viaxeiros, e que hoxe están necesitados de recuperación e rehabilitación. Co camiño viaxaron tamén costumes e estéticas propias da Ribeira como son os esgrafiados, que se foron implantando tamén Ulloa, límite cara ao norte destas orixinais manifestacións de arquitectura popular.

O seu paso polo centro da vila de Monterroso sitúa a este concello como parada destacada do Camiño de Santiago, xa que por el, ademais do Camiño Santo, pasa o Camiño francés a nivel da aldea de Ligonde, fermosísimo lugar onde houbo hospital e cemiterio de peregrinos e que require tamén dun urxente plan de ordenación e rehabilitación.

Mais sen dúbida o principal monumento que atopamos nesta ruta é o castelo de Pambre, xa que o Camiño Santo pasa pola ponte medieval situada ao pé deste castelo dos séculos XIV e XV, único exemplo da arquitectura militar medieval galega do que se conserva intacta a impoñente fábrica orixinal e que está localizado nun enclave de gran riqueza natural e excepcional beleza paisaxística.

A primeira investigación sobre o Camiño Santo foi realizada pola historiadora do IEU María José Gómez Alvite, que recentemente realizou novos estudos cos que perfilou con precisión cada detalle da ruta e que se darán a coñecer nos próximos meses. Para finais de 2020 e durante todo o Ano Santo 2021, o IEU tiña programadas unha serie de conferencias de Gómez Alvite, acompañadas de concertos de música tradicional da Ulloa, ao longo do Camiño Santo e do Camiño francés, pero debido á COVID-19 tiveron que ser aprazadas ao 2022 na súa maior parte.

Dentro da liña divulgativa do IEU, María José Gómez Alvite foi entrevistada recentemente na radio galega, nunha clarificadora e amena entrevista que foi emitida pola CRTVG o 23 de outubro e que se pode reproducir no enlace

http://www.crtvg.es/rg/destacados/a-tarde-a-tarde-do-dia-23-10-2020-4622152?t=801

 

María José Gómez Alvite e Francisco de Romualdo na Igrexa románica de San Miguel de Coence, Camiño Santo, Instituto de Estudos UlloánsMaría José Gómez Alvite e Francisco de Romualdo no Camiño Santo, na igrexa de San Miguel de Coence en 2018  (Fotografía do IEU)

 

castelo de Pambre, fotografía de Patricia Coucheiro, Instituto de Estudos UlloánsO Camiño Santo na contorna do castelo de Pambre (Fotografía de Patricia Coucheiro)

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn