Presentación de “Relatos da Ulloa” en Bos Aires
Antonio Salgado presentando o libro do IEU Relatos da Ulloa (Fotografía: Crónicas de la emigración)
O escritor Antonio Jorge Salgado López, en representación do Instituto de Estudos Ulloáns, presentou en Bos Aires, na Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, o libro Relatos da Ulloa, obra coordinada polo escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra e que recolle 14 relatos de autores/as galegos inspirados na comarca da Ulloa.
Editado por Gadis e polo Instituto de Estudos Ulloáns, Relatos da Ulloa leva unha vez máis a memoria da Ulloa a Bos Aires, principal destino dos emigrantes desta comarca a finais do século XIX e principios do XX.
Antonio Salgado, fillo de ulloáns e socio do IEU, explicou na súa exposición a historia, obxectivos e as actividades desenvolvidas polo Instituto, e invitou aos membros das Asociacións Galegas na Arxentina a visitar a comarca. Acompañando á exposición, foi proxectado no salón de exposicións ‘Antonio Soto’ un vídeo sobre a comarca da Ulloa. Trala presentación, distribuíronse gratuitamente exemplares do libro.
Antonio Salgado, directivos da Federación e público asistente.(Fotografía: Crónicas de la emigración)
A primeira presentación de Relatos da Ulloa tivo lugar no mes de maio en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego; a segunda, en setembro no Centro Galego de Londres; e a terceira en Bos Aires, na Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina.