As presentacións da revista Cairón e a súa repercusión nos medios

Presentacion Monterroso 1

O número 1 do Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, Cairón , foi presentado nos meses de marzo, abril e maio de 2017 na II Feira do libro de Monterroso, na Casa de Outeiro de Palas de Rei e na Casa de Cultura de Antas de Ulla, respectivamente, cumpríndose deste xeito o obxectivo do IEU de presentar a súa principal publicación nos tres concellos que integran a comarca da Ulloa, sobre os cales se centran os traballos de investigación publicados neste primeiro número de Cairón.

cairon palas

presentacion Antas 1

Cartel da presentación de Cairón en Palas de Rei e presentación na Casa da Cultura de Antas de Ulla no mes de maio
Encabeza a revista Cairón un aclaratorio editorial do seu director, Daniel Salgado, tras o que se o ofrecen estatísticas da comarca da Ulloa, e a continuación os seguintes artigos de socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns:
-““Entrevista co arquitecto Xurxo Salvador, un dos responsábveis da restauracuón do castelo de Pambre”. Por Daniel Salgado.
– “A indisciplina urbanística na Ulloa”. Por Sabela Pardo.
-“Vilar de Donas: a transformación da casa vivenda tradicional”. Por Divina Pérez Viña.
-“Cabeceiras, os hórreos dos pobres”. Por Cristina Varela Cadahía.
– “Rastros románicos dunha orde militar en Marzán”. Por María José Gómez Alvite.
– “Viva o Rei! Viva a Ulloa! Morra a Única”. Por Fernando Salgado.
-”A aurora do porvir chega dende América”. Por Gregrorio Ferreiro Fente e Emilia García López.
-“Un poema esquecido de Lorenzo Varela”. Por José Ángel García López.
-“Manuel García Blanco, pioneiro da didáctica da lingua galega”. Por Xulio Pardo de Neyra
-“O Mintireiro Verdadeiro”.Por José de Castro.
-“O último da Lira”. Por Pablo Pardo.
– “Santa Muller” Reportaxe fotográfico de Patricia Coucheiro.

Mais a idea precisa do que representa a revista Cairón para a Ulloa, dánola o seu director, Daniel Salgado, na súa excelente carta lida na presentación da revista na Casa de Outeiro de Palas de Rei:


Benqueridas veciñas e veciños,

como sabedes, Cairón é ese misterioso topónimo que Lorenzo Varela agasalla aos frances nun poema o día da liberación do xugo nazi. É 1944. O poeta nado nun barco pero orixinario da Lucencia, leva exiliado, logo da derrota dos demócratas na Guerra Civil española, cinco anos. Escribe en Ofrenda a los franceses:

“Y puesto que tres españoles leales,
que hoy llaman a las musas de los pueblos en armas,
para cantar, franceses, vuestra nueva comuna,
se prometieron daros la joya más amada,
yo, que no tengo nada, os doy esta palabara:
la palabra Cairón.
Y con ella la entraña y los huesos de mi alma”

Non está claro que significa Cairón. O que di no poema é que se trata dun monte “allá donde termina / por Occidente España” e que os seus ollos de meniño mirábano abraiados. Os investigadores na súa vida e obra avanzan algunhas hipóteses, ningunha definitiva. O amigo Cheché está seguro de que en realidade se refire ao Careón, a serra que delimita a Ulloa máis ou menos polo noroeste. En todo caso, podemos poñernos de acordo en que Cairón é un lugar que non existe. E iso é o que, por certo, significa exactamente a fermosa palabra utopía.

Con todo, hoxe estamos aquí, na xa histórica Casa do Outeiro de Palas de Rei, para contradicir a miña tese. Porque Cairón xa existe. Cairón é agora este mangado de páxinas escritas por veciñas e veciños da bisbarra, amigas e amigos que todas coñecedes. É este un retrato da Ulloa escrito desde abaixo. Abranxe a múltiple vida da comarca, desde o seu patrimonio ate os seus problemas actuais, desde os seus persoeiros de máis sona ás anónimas mulleres traballadoras que terman da nosa sociedade, da súa historia de revoltas e filantropía á súa arquitectura popular. Cairón quere ser, amais, un foro aberto, un parlamento, para que todas e todos poidamos falarnos e falarmos de nós mesmos. Un pobo, tamén o ulloao, precisa de saber quen foi, quen é e quen quere ser. A iso quere contribuír Cairón.

Veredes que Cairón, en tempos de redes sociais e a velocidade de Internet, propón unha lectura lenta. Demorada. Non teñades apuro, que amais non haberá segundo número ate dentro dun ano. E desta revista, coma do porco, aprovéitase todo. Aquí tedes o seu primeiro número. Celebrémolo. Porque é noso, da Ulloa.
Moitas grazas.

Daniel Salgado


É tamén significativa para o Instituto de Estudos Ulloáns a súa presencia social en foros, feiras e eventos relevantes da comarca da Ulloa, co ánimo de divulgar as súas actividades e promover a defensa e posta en valor do patrimonio cultural ulloán. Con esta intención instalou o seu estand oficial, coa colaboración dos socios Xosé de Castro, Francisco Pardo, Daniel Salgado e Braulio Vilariño, primeiro o 18 de marzo na II Feira do libro de Monterroso (estand compartido coa asociación 25 xastres), e posteriormente o 30 de abril na XV Feira do Queixo da mesma vila, a modo de presentación da revista Cairón e a súa divulgación entre o numeroso público asistente.

II Feira libro Monterroso

Foi tamén considerable a repercusión das presentacións do boletín Cairón nos medios de comunicación, especialmente nos xornais La voz de Galicia e El Progreso que informaron puntualmente sobre as mesmas.

Mais é preciso destacar outras novas ou medios que se interesaron pola nosa revista, como o diario cultural de crtvg, que o 11 de abril de 2017 emitiu unha entrevista a Daniel Salgado con relación a Cairón: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-11-04-2017-2863410

As novas sobre a revista Cairón aparecen publicadas, ademais das redes sociais, en:

-Axenda cultural da Asociación de Escritores en Lingua Galega: http://axendaaelg.blogaliza.org/2017/04/12/i-boletin-do-instituto-de-estudos-ulloans-cairon/
-No artigo de La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/monterroso/2017/03/16/boletin-instituto-estudos-ulloans-contara-poema-inedito-lorenzo-varela/0003_201703L16C8996.htm
-En Cultura galega, publicación do Consello da Cultura Galega: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=27259
destacando entre todas elas o magnífico artigo que publicou Xesús Alonso Montero, socio honorario do Instituto de Estudos Ulloáns, na súa columna de opinión “Beatus qui legit” de La Voz de Galicia (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2017/05/12/span-langglcairon-toponimo-antifascistaspan/0003_201705G12P14993.htm).

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn