Prorrogada a Agosto de 2017 a exposición “As Nosas Señoras Do Camiño”

inauguracion-exposicion

Dado o gran éxito de visitantes, prorrogouse ata agosto de 2017 a exposición “As Nosas Señoras do Camiño” organizada polo Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) na sala de exposicións do castelo de Pambre (Palas de Rei, Lugo).Máis información.

A finais de 2016 a exposición instalouse provisionalmente na recepción do centro de interpretación a espera de que finalizasen as obras na sala do primeiro andar, onde foi trasladada recentemente e a cuxa inauguración asistiron a escultora Ana Sastre, Alfonso Blanco e Xosé Lois García.

“As Nosas Señoras do Camiño” é unha exposición de reproducións de dez virxes románicas, todas elas da contorna do Camiño de Santiago, dende Navarra ata Lugo, realizadas por Ana Sastre, unha artista coruñesa dotada dunha exquisita sensibilidade e cun apaixonado amor pola arte románica. As obras de Ana Sastre traspasan as simples reproducións para convertérense en verdadeiras obras de arte. A súa expresividade, a delicada precisión de cores e formas, sen perder nunca a estrita fidelidade á peza orixinal, conxugan equilibrada e harmonicamente a inxenuidade dun naíf de peculiar perspectiva coa forza visual do simbolismo expresionista.

A exposición puido ser organizada grazas á subvención da Sociedade de Xestión de Plan Xacobeo e á axuda do Concello de Palas de Rei. As pezas pertencen as coleccións particulares de Ana Sastre, de José Luis Vélez, Prior do Mosteiro de Samos, e de Alfonso Blanco, párroco de Guitiriz.

Os textos descritivos de cada peza, recollidos no catálogo e nos carteis expositivos, foron realizados polos historiadores do IEU María José Gómez Alvite, Carlos Vázquez García, Cristina Varela Cadahía, Jesús Otero Pereiras e J. Ángel Vázquez Mourenza, así como polo escritor e historiador chantadino Xosé Lois García. As fotografías do catálogo son obra de Patricia Couceiro, e Judith Porto traduciu os textos ao inglés. Coordinan a exposición Braulio Vilariño, Xosé Miguel de Castro e Francisco Pardo.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn