A revista Cairon aborda a figura do xinecólogo palense Bernardino Pardo (El Progreso 22/1/2024)

El Progreso de Lugo

A ULLOA E MELIDE

A revista Cairón aborda a figura do xinecólogo palense Bernardino Pardo

O médico que introduciu a epidural en Galicia ocupa boa parte do sétimo número do boletín
 Presentacion Cairon 7, Monterroso, Instituto de Estudos Ulloáns

Un momento da presentación do sétimo número de Cairón, en Monterroso.

 A revista Cairón vai polo seu sétimo número e nel, un dos seus protagonistas é o xinecólogo palense Bernardino Pardo Ouro, un dos doutores encargados de introducir a anestesia epidural en España nos complicados anos 40 e, pouco despois, o primeiro en facelo en Galicia. O boletín que publica o Instituto de Estudos Ulloáns (Ieu), dirixido por Daniel Salgado, tivo xa a súa debida presentación en Antas e en Monterroso, onde esta fin de semana participaron o historiador Jesús Otero; a filóloga María José Gómez Alvite; o alcalde monterrosino, Eloy Pérez Sindín; o sociolingüista e socio de honra do Ieu Xesús Alonso Montero; o tamén filólogo Gregorio Ferreiro, e o director do colectivo ulloán, Francisco Pardo Teijeiro.

A médica psiquiatra Carmen Rodríguez del Toro elabora así un artigo que centra as súas liñas en Bernardino Pardo. Nelas, fala dun neno nacido no seo dunha familia rural, pero acomodada, de Chorexe, en Palas. É o segundo dos sete fillos de José Pardo e Purificación Ouro, os cales puxeron empeño para que todos aqueles pequenos estudasen. Bernardino, conta Rodríguez del Toro, cursou os estudos primarios en Antas e logo pasou a Lugo, onde debía facer o bacharelato.

Aloxado na casa dunha tía paterna, lonxe da aldea e da familia, as notas quedan deslucidas e o seu pai, “algo decepcionado”, vai buscalo á capital luguesa e ao día seguinte “érgueno ás seis da mañá para axudar nos traballos propios dunha casa de labranza: arar, rozar os toxos, sacar o esterco, gardar as vacas…”. Aquilo non convencía a Bernardino, así que tras estudar no colexio da Compañía de Monforte, vai en busca da súa vocación: a medicina. Concretamente a xinecoloxía, pese a que o seu pai o animaba a ser médico xeral en Palas.

A pesar de ter “a oportunidade de quedar na capital”, Bernardino regresa a Lugo e aquí convértese no acougo e na esperanza das mulleres que se negaban a dar a luz con enormes dores. De aí nace o artigo de Carmen Rodríguez del Toro, “un agradecemento ao seu transcendente traballo, nesta revista da súa terra natal ulloá”.

Neste número de Cairón vive tamén a memoria do cura Carlos Méndez Vázquez, que trae de volta María José Gómez Alvite; a obra teatral Acto único. Un cabaré do máis normal, na que Paula Carballeira fala da represión ás mulleres na Guerra Civil; as carballeiras ulloás, das que escribe Xulio Cuba Orosa; ou os pelegríns como protagonistas do Ecce Homo, tal e como aborda Xosé Luis Otero Cebral. Tamén recolle episodios da Guerra dos Sete Anos, da man de Jesús Otero Pereiras; a memoria de Pepe do Xastre e creacións como As Donas do Vilar, de Otero Cebral, e Un ferrado de maquías, de Xosé Luís Santiso.

“A revista Cairón aborda a figura do xinecólogo palense Bernardino Pardo” El Progreso, 22 xaneiro 2024

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn