A solicitude do CXG como BIC en Nos Diario (26/2/2020)

NOS DIARIO   Redacción 26/02/20

Piden que se declare BIC o centro xeográfico da Galiza

O Instituto de Estudos Ulloáns entregou na Xunta a solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural.

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns sinalizando por vez primeira o Centro Xeografico de Galicia

Membros do Instituto de Estudos Ulloáns no centro xeográfico da Galiza.

O verdadeiro centro da Galiza está na aldea de Nugallás. Un informe elaborado con criterios científicos de medición xeográfica resolveu a finais de 2019 que o punto cartográfico exacto do centro da Galiza está na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas do Ulla. Un experto do Instituto Xeográfico Nacional atopou esta localización grazas á petición do Instituto de Estudos Ulloáns.

Agora, o Instituto solicitou na Xunta que este punto sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC). e solicitou ao mesmo tempo ao Concello de Antas de Ulla e na Deputación de Lugo a súa intervención neste enclave.

O Instituto de Estudos Ulloáns levou a cabo as xestións  necesarias para rematar coas dúbidas e que se determinase científica e definitivamente a localización exacta do centro xeográfico da Galiza. Para isto, a entidade recorreu ao Instituto Xeográfico Nacional (IXN), unha institución dependente do Ministerio de Fomento, a máxima autoridade estatal na materia.

Esta entidade cultural que desenvolve a súa actividade na comarca da Ulloa logrou que o IXN, que xa fixera outras medicións hai anos, o mesmo que os xeógrafos da USC, emitise un informe oficial asinado por Pablo Carballo Cruz, director do servizo rexional, detallando a localización exacta do centro xeográfico do país dando definitivamente as súas coordenadas xeográficas: 7º54’38,99”W  42º45’25,15”N.

“O punto exacto definido polo IXN está situado nunha parcela particular nunha zona de gran valor natural e paisaxístico”, sostivo o presidente da entidade galega, Francisco Pardo.

https://www.nosdiario.gal/articulo/social/piden-declare-bic-centro-xeografico-da-galiza/20200226113004092096.html

 

Centro Xeográfico de Galicia, BIC, Instituto de Estudos Ulloáns, Nos diario

Nos Diario 27/2/2020

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn