Visita ao Museo parroquial de Monterroso

O pasado 30 de xaneiro de 2016 os socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns visitaron o Museo Parroquial de Monterroso invitados polo seu fundador e director, o sacerdote D. Carlos Méndez Vázquez, que exerceu de cordial anfitrión e guía.

visita_museo_parroquial_finalSituado na casa parroquial, un edificio de dous andares e patio con xardín, o museo consta de catro salas que sorprenderon enormemente aos visitantes tanto polas abondosas coleccións etnográficas como pola calidade das pezas arqueolóxicas. Destaca entre elas a sala de arqueoloxía, onde puideron apreciar o berraco do castro de Seteigrexas, as pezas de tear do castro de Xirgal, muíños romanos, o pondus romano de Castro de Amarante ou a fermosa ventá prerrománica de Arxiz.

Nas salas de etnografía expóñense distintos utensilios artesáns ou de labranza, destacando a sala dedicada ao liño, onde se poden ver os útiles para preparar o fío e un magnífico tear rústico prodecente de Monterroso. A biblioteca, con valiosos exemplares dos séculos XVII a XX, contén ademais documentación diversa da comarca, dende foros e censos ata documentos de compra-venda, algún do século XVI.

O museo foi fundado en xullo de 1990 por D. Carlos Méndez e catalogado pouco tempo despois polo historiador e profesor Javier Gómez Vila, autor do catálogo publicado pola Xunta de Galicia que, axudado polos seus alumnos do IES de Monterroso, elaborou fichas de todas as pezas amosadas ao público.

Ao finalizar a visita, D. Carlos, que ademais é coordinador da sección “Museo Etnográfico” do IEU, convidou aos visitantes a un petisco con viño da ribeira e embutidos da Ulloa, marco idóneo no que se falou de recursos e proxectos futuros.

museo_ieu

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *