Xornada dedicada a Lorenzo Varela

foto1_em2

O Concello de Monterroso en colaboración co Instituto de Estudos Ulloáns ( IEU ) celebrou o sábado 3 de decembro unha xornada dedicada o poeta Lorenzo Varela no primeiro centenario do seu nacemento.

Comezou no Centro Penitenciario de Monterroso, onde os premiados do Certame literario-pedagóxico sobre a poesía (galega e castelá) do poeta monterrosino recitaron os poemas obxecto do certame. O Presidente da Real Academia da Lingua Galega, Xesús Alonso Montero, actuou de presentador e  fixo una semblanza do homenaxeado ante un numeroso público de reclusos e outros invitados. Dirixiuse a eles en lingua castelán dado que a maioría son ou de fora de Galicia ou de nacionalidade non española. Recordou que, coma moitos deles, Lorenzo Varela tamén fora emigrante.

As galardoadas do certame foron as profesoras Cristina Souto Diéguez, Esperanza Luz Mariño Davila,  Patricia Arias Chachero e o profesor Ramón Nicolás Rodríguez. Tamén recitou os poemas o propio Presidente da RAG.

O alcalde de Monterroso pechou a xornada matinal no Centro Cultural coa entrega de premios do certame.

A xornada reanudouse polo serán coa conferencia de Xosé Carlos López Bernárdez (Profesor e crítico de arte)  “Lorenzo Varela e as artes plásticas” en que destacou as súas relacións con Luís Seoane e as afinidades coas vangardas bonaerenses e a plástica social e militante.

A continuación José Ángel García López (profesor da Universidade de Alicante) falou sobre “O estado da investigación literaria sobre Lorenzo Varela”  sinalando que as portas do ano 2017 a posibilidade de atopar obras líricas inéditas do poeta son moi reducidas e comprometeuse a facilitar un texto en prosa descoñecido e poñelo a disposición do IUE para a súa publicación.

Tras o descanso o profesor Antón Costa Rico centrouse en “Lorenzo Varela e as misións pedagóxicas” recordando o vínculo do poeta con Rafael Dieste, Otero Espasandín, Díaz Rosas e Roxerius.

O xornalista e biógrafo do poeta, Fernando Salgado, presentou o vídeo de Juan Salgado “Tres poetas”. Un percorrido desde Lorenzo Varela (nado en 1916) a Leonard Cohen (falecido en 2016) pasando por Federico García Lorca (que visita Galicia por primeira vez no ano de nacemento do homenaxeado e polo que Lorenzo Varela sentiría unha notable devoción) e que nos transporta ao café Tortoni de Buenos Aires, a figura do seu amigo Ernesto Sábato, mostra as declaracións de Lorenzo Varela a TVE tras a súa volta do exilio, escoitamos a Lorca na voz de Lorenzo Varela ( Vals en las ramas ), a Lorca na voz de Amancio Prada (Danza da lúa en Santiago)   e a Lorca na Voz de Leonard Cohen (Pequeño vals vienés, Poeta en Nueva York).

A continuación proxectouse o documental “Exilios, Lorenzo Varela” de Xan Leira que fixo unha emotiva presentación.

Clausurou a xornada Miguel Rico Gómez, alcalde de Monterroso, emprazando aos asistentes a presentación no mes de xaneiro da publicación dos traballos premiados nun solo volume, do que se fará unha edición ampla destinada, fundamentalmente, aos centros de ensino de Galicia e outros que o soliciten.

 

Premiados e xurado no Centro Cultural de Monterroso

Premiados e xurado no Centro Cultural de Monterroso

Conferencia de Xosé Carlos López Bernárdez. Ao seu carón Carlos Vázquez García

Conferencia de Xosé Carlos López Bernárdez. Ao seu carón Carlos Vázquez García

Público asistente a xornada

Público asistente a xornada

Conferencia de José Ángel García López. Ao seu carón Gregorio Ferreiro Fente

Conferencia de José Ángel García López. Ao seu carón Gregorio Ferreiro Fente

Conferencia de Antón Costa Rico. Ao seu carón Xesús Alonso Montero

Conferencia de Antón Costa Rico. Ao seu carón Xesús Alonso Montero

Introdución de Fernando Salgado do audiovisual “Tres poetas” de Juan Salgado

Introdución de Fernando Salgado do audiovisual “Tres poetas” de Juan Salgado

Xan Leira presentando o documental “Exilios, Lorenzo Varela”

Xan Leira presentando o documental “Exilios, Lorenzo Varela”

Fotograma do documental “Exilios, Lorenzo Varela”

Fotograma do documental “Exilios, Lorenzo Varela”

Fotograma do documental “Exilios, Lorenzo Varela”

Fotograma do documental “Exilios, Lorenzo Varela”

 

Nova en La Voz de Galicia

Nova en La Voz de Galicia

 

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn