Xornada informativa sobre as plantacións de eucalipto

Xornadas-eucalipto-2-min

O 19 de maio, coordinada por Sandra Goded, tivo lugar en Antas de Ulla e Palas de Rei a “XORNADA INFORMATIVA SOBRE A NORMATIVA DAS PLANTACIÓNS DE EUCALIPTO E XESTIÓN E VALOR DOS NOSOS BOSQUES NATIVOS” que organizaron conxuntamente o Instituto de Estudos Ulloáns e a asociación Quercus Sonora.
Desenvolveuse a Xornada en dúas sesións abertas ao público: unha das 10,30 ás 14,00 h. na casa da cultura de Antas de Ulla, e outra das 16,30 ás 20,00 h. na casa de cultura de Palas de Rei.

Abriu a quenda de intervencións na sesión da mañá en Antas de Ulla, cunha Introdución á problemática do eucalipto na Ulloa, a bióloga Sandra Goded, secretaria de Quercus Sonora e coordinadora da sección de medio ambiente do Instituto de Estudos Ulloáns.

Interviñeron a continuación, coa conferencia Definición e tipos de soutos. Condicionantes legais para o seu aproveitamento, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñería da Universidade de Santiago; e coa conferencia Diferencias entre plantacións e bosques, Adolfo Cordero, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo.

Finalizou a sesión de mañá coa intervención, sobre lexislación relacionada coas plantacións de eucalipto, de Fernando Antunes Varela, do Grupo de Investigación da Policía Autonómica de Galicia, e cunha mesa redonda na que participaron varios gandeiros e Xosé Luís Carreira, da granxa de ecoagroturismo “Arqueixal” (Albá, Palas de Rei).
Na sesión de tarde, xa en Palas de Rei, interviñeron Sandra Goded, Adolfo Cordero e Fernando Antunes, e de seguido Antonio Rigueiro (Departamento de Produción Vexetal, Escola Politécnica Superior, Universidade de Santiago) coa conferencia Xestión de soutos de castaños para o seu aproveitamento.

Na mesa redonda que pechou a Xornada participaron Xosé Luís Carreira; Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio; o produtor Jorge López Penoucos; e Manuel López Vilariño, da IXP Castaña de Galicia.

Ao remate desta Xornada informativa, os socios do Instituto de Estudos Ulloáns lembraron o acordado na Asemblea Xeral de febreiro de 2017 no referente a recoller sinaturas, unha vez finalizadas as xornadas, para solicitar aos tres concellos da Ulloa a declaración de comarca libre de plantacións de eucaliptos, polo que se encargou a Sandra Goded, como representante das dúas asociacións, a redacción do documento correspondente.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn