O IEU en Navia de Suarna (O Castelo de Navia mira ao de Pambre para buscar solucións ao seu deterioro, El Progreso 30-7-2022)

Imagen EL PROGRESO

 

COMARCAS

O Castelo de Navia mira ao de Pambre para buscar solucións ao seu deterioro

O Instituto de Estudos Ulloáns visitou A Proba para avaliar a situación

 

O Instituto de Estudos Ulloáns en Navia de Suarna, El Progreso 30-7-2022

Integrantes da Irmandade Naviega e do Instituto de Estudos Ulloáns. EP

REDACCIÓN

30/JUL./22

Asociación Veciñal Irmandade Naviega, que botou a andar no ano 2019 coa finalidade de frear o deterioro do Castelo da Proba, recibía este venres a varios dos integrantes do Instituto de Estudos Ulloáns nesta vila da Montaña. O obxectivo? Mirar no castelo de Pambre, cuxa recuperación foi promovida por esta entidade ulloá, un perfil de futuro. “Trátase dun paso para que o castelo pase a ser de dominio público”, comentaba este venres Toño Núñez, presidente da entidade naviega, que valoraba moi positivamente a xuntanza.

Logo dunha xornada que coincidiu coa feira mensual da Proba, e despois dunha comida na Casa Quiñones e de visitar a igrexa de Barcia, os asistentes reuníronse na sala de plenos do Concello para debatir sobre a situación deste ben patrimonial.

Nesa mesa redonda estivo presente o propio alcalde do municipio, José Fernández, que xa tivera varios contactos con responsables de Patrimonio da Xunta para reclamar medidas de conservación deste ben que ten a consideración de BIC e cuxo deterioro chega a ser ameaza para os veciños polos continuos desprendementos.

O salón de plenos congregou tamén a Francisco Pardo, presidente do Instituto de Estudos Ulloáns; Braulio Vilariño, coordinador de exposicións da entidade; e a Jorge Salvador e Manuel López, arquitectos do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo, que fixeron unha exposición técnica da intervención en Pambre.

A continuación, José Luís Martín Palacín, activista social de longa traxectoria e impulsor da Fundación Cuarto Mundo, falou das posibilidades de recuperación do castelo aproveitando o tecido social. Os veciños tamén se sumaron á xuntanza e debate.

 

Historia: fortaleza e bloque de vivendas

O castelo medieval da Proba de Navia foi o primeiro bloque de edificios da vila. O cura que no século XX se fixo coa propiedade dividiuna para destinala a vivendas de aluguer para aqueles que precisaban un piso no lugar. Hoxe a súa herdanza está repartida, o que ten dificultado a venda da propiedade.

Proxectos

A Asociación Veciñal Irmandade Naviega reclama a súa compra ás institucións para a creación dun museo etnográfico, unha casa da cultura ou para o mesmo consistorio.

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn