Doazón do museo de Monterroso ao IEU e ao concello

O sacerdote e historiador D. Carlos Méndez Vázquez, fundador e propietario do Museo Parroquial de Monterroso, doou o seu museo ao Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e ao Concello, coa condición de que as pezas da súa extensa colección pasen a ser propiedade do Concello de Monterroso e a xestión do futuro museo sexa realizada en exclusividade polo IEU.

A colección está formada por pezas de grande interese histórico (muíños prerromanos, verracos, ídolos, tégulas, pezas de tear romano, ventás visigóticas, capiteis románicos…) que D. Carlos Méndez  recolleu e catalogou durante décadas, algunhas encontradas ou mercadas polo historiador, e outras doadas polos veciños de Monterroso  ou cedidas en depósito. A tipoloxía das pezas é moi variada, abrangan restos históricos de diferentes épocas, e de moi diferentes temas (culinario, espiritual, festivo, artístico, documental).

Como herdeiros deste prezado legado, o IEU e o Concello de Monterroso proxectan a creación dun complexo museístico integrado por un Centro de Interpretación da Feira, o Museo Carlos Méndez, unha Aula-taller de restauración, a biblioteca, o arquivo e unha sala de usos multíplices, agrupados todos eles baixo a denominación xeral de Museo de Monterroso.

O Museo de Monterroso será instalado no edificio do antigo centro de saúde da vila, ocupando as tres plantas do mesmo. Na planta baixa instalaranse a Aula-Taller de restauración e a sala de actos e exposicións, e na planta segunda a biblioteca especializada, o arquivo e as oficinas do IEU. Na planta primeira localizaranse o Centro de Interpretación da Feira, con tres grandes salas (“O enclave da feira”, “Os feirante”s e “As mercadorías”) e o Museo Carlos Méndez, con outras tres salas (“Etnografía comarcal”, “Dende as orixes de Monterroso ata a década dos 20 do século pasado”, “O último século da historia monterrosina”).

O Instituto de Estudos Ulloáns será o responsable da xestión, motivo polo que a Xunta de Goberno creou a Comisión de Xestión do Museo de Monterroso, integrada por unha directiva (directora, dous vicedirectores e conservador), unha ampla representación do concello de Monterroso e unha serie de vogais socios do IEU e de asesores externos. A directora do Museo do Monterroso será a historiadora María José Gómez Alvite e os vicedirectores serán o presidente e vicepresidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo.  A D. Carlos Méndez se lle concederá a distinción de director honorario.

Trátase dun ambicioso proxecto museístico interactivo, dirixido ao público en xeral pero tamén a investigadores e estudosos das feiras e da historia da comarca da Ulloa. Un complexo museístico que pretende ser un referente de dinamización cultural da Galicia rural.

Co fin de coñecer detalladamente o proxecto do futuro Museo de Monterroso, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, desprazouse a Monterroso, para ter unha xuntanza na sede do IEU coa alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, unha representación da corporación municipal e os directivos do Instituto de Estudos Ulloáns.

Carlos Méndez e Francisco Pardo asinando o documento de doazón do museo de Monterroso ao IEU e ao concello

O historiador Carlos Méndez (esq.) e o director do IEU asinando o documento de doazón do Museo de Monterroso

Presentacion do proxecto do Museo de Monterroso na sede do IEU

Nova publicada en El Progreso (26/8/2020) sobre a presentación ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia do proxecto do Museo de Monterroso, presentado pola alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas, polo director do IEU e pola autora do proxecto museístico, María José Gómez Alvite.

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn