Mary Quintero e Daniel Salgado nomeados socios de honor do Instituto de Estudos Ulloáns

Na Asemblea Xeral Extraordinaria do Instituto de Estudos Ulloáns foi aprobado o nomeamento de socios de honor do IEU da fotógrafa Mary Quintero e do xornalista Daniel Salgado.

Mary Quintero, a máis destacada fotógrafa galega do século XX, tivo un afamado estudio fotográfico en Lugo que trasladou máis tarde a Vigo, mais ten sólidos vínculos con Cumbraos, aldea de Monterroso onde reside temporalmente na casa familiar e a súa filla Marta fundou a modélica Granxa Maruxa.

O xornalista monterrosino Daniel Salgado, unha das grandes figuras da poesía galega contemporánea, foi director da revista Cairón dende a súa creación ata este ano. Foron el e o filólogo Xesús Alonso Montero quenes escolleron o nome de Cairón para o Boletín do Instituto. Foi esa a palabra coa que o poeta Lorenzo Varela, daquela exiliado en Bos Aires, agasallou aos liberadores do París ocupado pola Alemaña nazi no seu poema  “Ofrenda a los franceses” (1944) e que é un símbolo da loita pola liberdade. Daniel Salgado esbozou o modelo de revista, que foi deseñada no laboratorio de Numax, e marcou as liñas editoriais de Cairón que tanto merecemento acadaron.

A distinción de socios de honor do IEU foi concedida en anos anteriores ao filólogo e expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, gran valedor e promotor da obra do poeta monterrosino Lorenzo Varela, e ao sacerdote monterrosino Carlos Méndez, falecido en 2023, fundador do Museo parroquial de Monterroso.

Ver nova en El Progreso (8/10/2025). https://www.elprogreso.es/articulo/ulloa-melide/instituto-estudos-ulloans-distingue-como-socios-honor-daniel-salgado-mary-quintero/202510081807571913961.html

A fotógrafa Mary Quintero na súa casa de Cumbraos (Monterroso) en outubro de 2025

O Xornalista Daniel Salgado na presentación da revista Cairón na II Feira do Libro de Monterroso (2017)

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn