“Roubar o Soño”, exposición de Luis Antonio Sánchez no castelo de Pambre (23/11/2024 ao 11/1/2025)
O sábado 23 novembro de 2024 ás 13,00 h, organizada polo Instituto de Estudos Ulloáns e a Casa do Picho de Palas de Rei, tivo lugar no castelo de Pambre a inauguración da exposición Roubar o Soño, do pintor surrealista colombiano Luis Antonio Sánchez León.
A exposición, composta por 30 obras, toma o seu nome dunha expresión popular empregada para referirse a pensamentos que se converten en obsesións, e do proxecto que o artista está a desenvolver en Do Picho, residencia artística internacional de Palas de Rei na que se promocionan proxectos de artistas de todo o mundo, con relevancia na dinamización cultural na contorna do Camiño de Santiago.
Céntrase esta mostra no soño: o soño como enunciación poética, o soño que incomoda ou perturba, o soño que nos deixa paradoxicamente en vela e os soños alleos.
Interviñeron no acto Braulio Vilariño, coordinador da exposición; Ralf Jürgens, fundador de Do Picho; o pintor Luis Antonio Sánchez León; e Francisco Pardo, director do IEU. A exposición permanecerá aberta ata o sábado 11 de xaneiro de 2025.
Máis información
Video
Obras
Web Do Picho
De esq. a der.: Francisco Pardo, Luis Antonio Sánchez León, Braulio Vilariño e Ralf Jürgens