Visita da asociación Mariña Patrimonio a Palas de Rei (15/3/2025)
O sábado 15 de marzo a asociación Mariña Patrimonio realizou unha visita a Palas de Rei guiada polos membros do IEU Braulio Vilariño e Francisco Pardo.
Iniciouse a visita na igrexa de Sambreixo, onde Braulio Vilariño relatou as tradicións e crenzas relacionadas co santuario e coa “Fonte do Leite da Nai de Deus”, cuxo manantial de augas sulfurosas abastece ao balneario de Pambre. De alí partiuse ao castelo de Pambre camiñando pola beira do río Pambre a través dunha fraga similar ás que se verán gravemente afectadas polos verquidos da proxectada fábrica de pasta de celulosa de Altri.
Ao chegar ás praderías do castelo de Pambre, Francisco Pardo explicou a arquitectura e a historia do castelo, primeiro na parte exterior e despois na interior, que foi visitada e descrita con detalle, con referencias aos persoeiros que o construiron ou que viviron nel.
Antes do xantar en Palas de Rei foi visitada a igrexa de Marzá, con interesante simboloxía románica e pinturas renacentistas da ábside e da nave.
Pola tarde, os excursionistas visitaron a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, con explicacións de Francisco Pardo da orixe do priorato e descricións do pórtico, do sepulcro e lápidas medievais, do altar pétreo e do baldaquino, e das marabillosas pinturas renacentistas do prebiterio.