Acto de conmemoración dos 800 anos da Feira de Monterroso
O luns 31 de outubro ás 19,00 h, no salón de actos do Centro sociocultural de Monterroso, tivo lugar o acto de Conmemoración dos 800 anos da Feira de Santos organizado polo Instituto de Estudos Ulloáns.
Monterroso celebra a Feira de Santos dende hai máis de oitocentos anos ininterrompidamente, o que a convirte na feira con máis antigüidade e tradición de Galicia. Foi no ano 1219 cando o rei Alfonso IX de León concedeu en Monforte, ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, o pedaticum do sal vendido en Monterroso dúas semanas antes do 1 de novembro. Dende entón a Feira de Santos celebrouse todos os anos, durante oito séculos, excepto no ano 1918, debido á epidemia de gripe, e no ano 2020, debido á do COVID.
O acto, coordinado pola filóloga e historiadora María José Gómez Alvite, comezou coas intervencións de Rocío Seijas, alcaldesa de Monterroso, de Francisco Pardo, director do Instituto de Estudos Ulloáns, e de María José Gómez Alvite seguidas da lectura dun fragmento da Crónica Compostelana e de textos de Otero Pedraio, Manuel Amor Meilán, Darío Xohán Cabana, Miguel Yebra Varela, Antonio Xiz Ramil e Lorenzo Varela por parte dos ex-alcaldes Luis Pereiro e Miguel Rico, os concelleiros Eloy Pérez e Rocío Díaz, as profesoras Marisa Madriñán e Marta Saavedra, o escritor Xosé Luis Santiso e o historiador Jesús Otero Pereiras.
Rematou o acto coa interpretación du romance por parte do poeta Toño Núñez, o músico José Miguel G. Miguélez e o actor Brais Gayoso.
De esq. a der.: Francisco Pardo, director do IEU; Rocío Seijas, alcaldesa de Momteroso, e María José Gómez Alvite, coordinadora do acto