Cursiño de acuarela ao aire libre impartido por J.M. Méndez (1/8/2020)
O sábado 1 de agosto (1/8/2020) tivo lugar en Monterroso, na area recreativa de A Peneda, o cursiño de acuarela ao aire libre impartido polo acuarelista vasco de ascendencia ulloá José Manuel Méndez.
No curso, que se iniciou ás 11 h e finalizou ás 19 h, participaron 11 alumnos de diferentes idades e formación artística. Á sombra dunha vella carballeira e co fermoso da marco do río Ulla e os seus muíños, os participantes realizaron unha serie progresiva de cinco acuarelas seguindo as indicacións do mestre acuarelista para esta ocasión. Ao rematar o curso foron sorteadas as obras que o profesor ía realizando ao tempo dos alumnos
Dado o éxito acadado, o pintor J.M. Méndez proxecta impartir novos cursos de acuarela ao aire libre nos próximos veráns, en espazos naturais sobranceiros da comarca da Ulloa.
Notas biográficas de J.M. Méndez
José Manuel Méndez ( Mundaka1964) , é artista plástico profesional desde hai máis de 30 anos. Formouse na Facultade de Belas Artes do País Vasco e na Facultade de Historia onde estudou Arte. Juan Antonio Uriarte, Richard Pérez Franco en acuarela e óleo respectivamente moldéanlle nestas disciplinas e acaba “doutorándose” no estudo do pintor vasco Alejandro Quincoces onde durante dous anos colabora como asistente e profunda no coñecemento do óleo como técnica única.
Na actualidade imparte cursos e talleres especializados en pintura por todo o Estado, asiste como artista convidado en importantes bienais e encontros artísticos, dirixe un dos cursos online máis innovadores, con 7000 alumnos repartidos por todo o mundo, é conferenciante onde combina a dialéctica co traballo artístico e propón solucións creativas no curso/ masterclass para pintores “Buscando a Turner”.
É Premio Nacional de Acuarela (Madrid 1997), Premio Europeo de Acuarela (Bilbao2004), Premio Nacional de Debuxo (Guadalaxara 2003) e Premio Nacional de Pintura (Madrid 2001).
A súa obra atópase en Fundacións Públicas como Bankia, BBK,Museo da Ciudad Autónoma de Melilla, Ministerio de Xustiza, Deputacións Provinciais, e innumerables concellos da nosa xeografía. E en Coleccións Privadas de EEUU, Reino Unido, Colombia, Italia, Islandia, Francia. Expuxo en prestixiosas galerías españolas, en cidades como Madrid, Bilbao, Reus, Valencia, Lleida, Oviedo e en países como México, Finlandia, Indonesia, Rusia.
En 2019, presentou na sala de exposicións do castelo de Pambre, organizado polo Instituto de Estudos Ulloáns, o seu proxecto “ Chousas e Bosquexos”.