En lembranza de Concepción Pardo Teijeiro

Hoxe faleceu a nosa prezada socia Concepción Pardo Teijeiro, empresaria e filántropa lucense con raíces na Ulloa, na aldea de Chorexe (Palas de Rei), mais asentada dende hai anos en Madrid.

Estaba casada co tamén socio do IEU Emilio Fernández Fernández, membro dunha familia de mecenas lucenses que impulsaron moi diversos proxectos empresariais, culturais e educativos galegos.

Chiti sempre tivo palabras de apoio para o Instituto de Estudos Ulloáns. Na última conversa que mantivemos animábanos a que perseveremos na creación do Museo de Monterroso, e dicíanos que é precisamente nas dificultades onde aprendemos a remontar.

Dotada dunha gran sensibilidade artística e boa coñecedora do mundo das antigüidades e da arte, rexentou en Madrid tendas de antigüidades europeas e mesmo dirixiu unha galería de arte contemporánea na que apadriñou a artistas lucenses e promocionounos no mundo artístico nacional.

A súa idiosincrasia cosmopolita e a súa filiación coa cultura anglosaxoa levárona a residir longas tempadas en Londres, onde viven dous dos seus fillos, tamén asociados ao IEU.

Se algo definía a Chiti era a súa fidelidade aos seus principios e o seu carácter infinitamente xeneroso e solidario. Foron moitas as persoas desprotexidas ás que acolleu na súa casa, e foron tamén moitas as causas solidarias que apoiou ao longo da súa vida. Sempre a carón dos enfermos e dos máis vulnerables, non escatimou nunca medios para botarlles unha man.

Fomos afortunados compartindo con ela entrañables vivencias e o seu exemplo serviranos para afrontar o futuro co seu optimismo e xenerosidade.

 

Concepción Pardo Teijeiro

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn