En lembranza de Miguel Ángel Yebra Varela

“Sempre dixen que o día que veñan a buscarme para o outro barrio… agardo non estar. E se me pillan despistado polo menos que estea entretido e enredando”. Estas eran unhas mais de entre todas as preciosas verbas con que Miguel Yebra Varela me engaiolaba de cando en vez. Dono da palabra, levaba con orgullo polo mundo esas súas verbas aprendidas no Monterroso vilego.

Alá no outro barrio do que Miguel falaba, estarán hoxe de festa, porque o excelente orador, mellor persona, fiel amigo, amante da súa familia; fica para sempre cos grandes, cabo de Lorenzo Varela, cabo do pintor homónimo, cabo de Cortiñas Toural, cabo de Moreiras Santiso…

Miguel, quen levará agora que nos faltas ti, o nome de Monterroso polo mundo adiante con tanta honra? Hoxe Monterroso e a Ulloa perderon a un dos seus namorados. Miguel como amabas esta terra, as súas xentes, a feira e os seus lugares! E que grande a facías coa túa palabra! E con esa humildade que te caracterizaba!

A túa empatía natural levaba a que deveceramos pola túa conversa. As túas historias “de barberías”, “de feiras”, “de vida”… Que feliz eras arrimando o ombreiro polas causas ulloás! Nunca nos soubeches dicir que non, cando desde o IEUlloáns che pediamos colaboración. Cantas veces teño lido algún dos teus artigos e relatos incesante número de veces embelesada pola túa cativadora verba!

Amigo e benquerido Miguel, con que valentía loitaches nesa batalla que nos privou da túa presenza! E sempre restándolle mérito ao teu porte ante a enfermidade.

“Pero os anos… van pasando. E arredor van caendo algún compañeiros… o puzle vaise descompoñendo. En fin.”

Acostumabas definirte como estudante eterno, hoxe chora a túa partida a universidade, o mundo da cultura galega: escritor, estudoso, director da revista “Gaudeamus”, creador dunha radio, entendido autor do mundo da gastronomía galega…

O Instituto de Estudos Ulloáns está hoxe de loito, perde a un dos seus embaixadores, o Xan de Xiz, que tantas veces empregou de seudónimo. Nas últimas conversas que tivemos, contabas como estrañabas tanto Monterroso, que xa facía que non podías vir, mais eu prométoche, vate, que xa estás aquí, xa ficas para sempre no corazón de todos os monterrosinos, o fillo do veterinario, como adoito te definías.Na nosa memoria permanecerás compañeiro e grazas por facer grande e levar con tanto orgullo a Terriña. Grazas por tanto. D.E.P.

As miñas mais sinceras grazas ao director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo Teijeiro, por darme a oportunidade de que sexa eu quen escriba esta necrolóxica no nome do Instituto, para Miguel Yebra Varela co que tanto sintonicei.

 

María José Gómez Alvite.

 

Miguel Ángel Yebra, Novelúa, Monterroso

Miguel Yebra, Instituto de Estudos Ulloáns. Novelúa, Monterroso

Miguel Ángel Yebra Varela, Xan de Xiz, dirixindo a visita guiada do Instituto de Estudos Ulloáns á igrexa románica de Novelúa (Monterroso)

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn