Excursión botánica aos Cotóns de Remesedo e Remonde (Ramil e Remonde, Palas de Rei) 20/3/2022
O domingo 20 de marzo seguiremos a procurar e gozar coas plantas silvestres e os seus hábitats na Ulloa, guiados polo biólogo Xurxo Mouriño na 4ª excursión de 2022 do proxecto Flora da Ulloa.
Desta volta deixaremos as ribeiras (que prospectamos as tres primeiras excursións) e camiñaremos zonas de matogueira e vexetación de penedía, nos cotóns da marxe norte do baixo Pambre, con boas panorámicas do vale e do castelo. Se temos tempo, tamén baixaremos á ribeira e camiñaremos algunha devesa de carballos.
Estes cotóns son afloramentos de xisto que asoman entre serpentinas a oeste, e granito a leste (por onde o castelo). Nunha breve visita o ano pasado, apareceron plantas moi interesantes, como a herba de ouro da foto, Ranunculus bupleuroides, endemismo galego-portugués que aínda non se coñecía tan a nordeste.
Esta excursión é coorganizada entre o Instituto de Estudos Ulloáns e a Fundación Eira, que ten o seu centro, a Eira da Xoana, na parroquia de Ramil.
![Excursión Flora da Ulloa 4ª-2022, Cotóns de Remesendo e Remonde, Palas de Rei, Instituto de Estudos Ulloáns](http://ieu.gal/wp-content/uploads/2018/05/Excursión-Flora-da-Ulloa-4ª-2022-Cotóns-de-Remesendo-e-Remonde-Palas-de-Rei-Instituto-de-Estudos-Ulloáns.jpg)