Excursión botánica aos ríos Ulla e Ferreira (15/2/2020)
PROXECTO FLORA DA ULLOA: EXCURSIÓN BOTÁNICA AOS RÍOS ULLA E FERREIRA, SÁBADO 15 FEBREIRO 2020
Retomamos a flora da Ulloa con novas excursións centradas en coñecer as plantas máis raras e ameazadas da Ulloa, como desculpa para seguir coñecendo a comarca e o conxunto da súa flora.
O inverno está fraquiño e o impulso primaveral asoma por varias frentes; os amarelles ou narcisos son do máis propio deste tempo
Á mañá, de forma máis divulgativa e mediante un paseo accesible a calquera, visitaremos A Peneda para coñecer e valorar a poboación do Narcissus cyclamineus, un narciso exclusivo da Galicia atlántica e norte de Portugal, do que só coñecemos esta poboación na Ulloa, no seu limite leste da área de distribución.
Á tarde procuraremos a especie, e o que se tercie, na ribeira do Ferreira (sábese dunha poboación xa no concello de Guntín), só para espíritus e pernas aventureiras, nunha das zonas máis salvaxes e inaccesibles da Ulloa.
Xurxo Mouriño
Coordinador do proxecto Flora da Ulloa