Excursión botánica a Irixe: ribeiras e O Chao (6/6/2021)
A primavera vaise acabando e hai que aproveitar o tempo, agora están florecendo especies tardoprimaverais.
O domingo 6 de xuño de 2021, o biólogo Xurxo Mouriño organiza a 3ª excursión botánica dentro do proxecto Flora da Ulloa do Instituto de Estudos Ulloáns.
Visitarase a ribeira do río Irixe e O Chao por riba da aldea, incluídos arredores da antiga mina.
Trátase dunha zona peculiar na Ulloa pola súa posición no val do Miño e substrato metamórfico, condicións que propician a existencia de plantas pouco comúns no resto da Ulloa.
A excursión terá un grao de aventura alto: isto é, incerteza da existencia ou mantemento viable de camiños, polo que haberá que improvisar e, se callar, cruzar algúns obstáculo (río por pedras, toxal, silveira, uceira…).