Excursión botánica pola Ribeira do Irixe (Marzán, Monterroso) 6/3/2022
O domingo 6 de marzo o biólogo Xurxo Mouriño invítanos a participar na terceira excursión botánica de 2022 que organiza, nesta quenda pola ribeira do Irixe, completando os maiores ríos na Ulloa (Irixe como afluente do Ferreira, que xa prospectáramos nesta época hai dous anos).
Despois da exitosa prospección botánica en Pambre, a ver se aparece algún Narcissus nesta zona, ao tempo doutras plantas nemorais típicas do fin do inverno como a Anemone nemorosa da foto, frecuente aguas arriba de Marzán. Tamén trataremos de asomar a algún afloramento de xistos das ladeiras para descubrir as plantas de comunidades rupícolas pioneiras e de fendas.