Excursión do IEU á lagoa de Quintas

O biólogo e consultor ambiental Xurxo Mouriño e a naturalista Cristina Varela, da sección de medioambiente do IEU, proxectan para o sábado 20 de novembro de 2021 unha excursión á lagoa de Quintas, zona de especial biodiversidade no contexto da Ulloa.
A lagoa de Quintas é na realidade un pequeno encoro no río Seco, entre os concellos de Palas de Rei e Santiso. Porén, a súas beiras de suaves pendentes fanna adecuada para a vexetación e a fauna acuáticas, de maneira que acolle moitas especies que non se encontran no resto da Ulloa.
Ademais, o seu entorno é aberto, con poucas árbores e amplos campos que albergan numerosas aves de amplas zonas agrícolas, tamén moi pouco comúns na Ulloa, como picanzos, peneireiros, tartarañas ou a curuxa das xunqueiras.
Con idea de dar a coñecer o espazo ao público ulloán sensible á temática, organizaremos unha excursión por estación durante un ciclo anual. Agora no outono poderemos ver varias especies de patos, a maioría invernantes procedentes do norte de Europa. Tamén galiñola negra, mergullóns, garzas, cigoñas, corvos mariños e quizais algunha ave limícola, ademais de varias especies de rapinas.
Excursión lagoa Quintas outono 21, Instituto de Estudos Ulloáns
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn