Gadis distribúe 30.000 exemplares de Relatos da Ulloa
O xoves 9 de maio de 2019 tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación do libro RELATOS DA ULLOA, promovido polo Instituto de Estudos Ulloáns e do que Gadis distribuirá gratuitamente 30.000 exemplares por toda Galicia a través da súa rede de supermercados o día 16 de maio con motivo do Día das Letras Galegas.
“Relatos da Ulloa”, libro editado por Gadis e o Instituto de Estudos Ulloáns e coordinado polo filólogo e profesor da UDC Xulio Pardo de Neyra, recolle 14 relatos curtos de destacados escritores/as da literatura galega actual, ambientados na comarca da Ulloa como paradigma da Galicia interior.
No almorzo de prensa organizado para a presentación do libro no Museo do Pobo Galego interviñeron: José Luis Fernández Astray (director de comunicación de Gadisa), Concepción Losada (Fundación Antonio Fraguas), Francisco Pardo Teijeiro (director do IEU e promotor de Relatos da Ulloa) e Xulio Pardo de Neira (socio do IEU e coordinador literario de Relatos da Ulloa).