Intervención da Deputación de Lugo no Centro Xeográfico de Galicia
A Deputación de Lugo, respondendo á solicitude do Instituto de Estudos Ulloáns dunha intervención no Centro Xeográfico de Galicia, proxecta crear nesta ubicación da aldea de Nugallás (San Fiz de Amarante, concello de Antas de Ulla), o “parque central de Galicia”.
Este proxecto de intervención paisaxística no Centro Xeográfico de Galicia, co que se pretende dinamizar a comarca da Ulloa e poñer en valor o rico patrimonio natural de Antas de Ulla, está promovido por Pilar García Porto, Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.
O Instituto de Estudos Ulloáns, en novembro de 2019, conseguíu do Instituto Geográfico Nacional, o informe oficial da localización definitiva do Centro Xeográfico de Galicia, que o IEU deu a coñecer aos medios en decembro de 2019 nunha rolda de prensa na Asociación da Prensa de Lugo. Posteriormente, en febreiro de 2020, o IEU elaborou un informe técnico cunha proposta sobre a protección e adquisición da parcela na que se sitúa o Centro Xeográfico de Galicia, que foi enviado á Deputación de Lugo e ao Concello de Antas de Ulla solicitando as súas intervencións na zona.
Por outra parte, o IEU solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura a incoación dun procedemento de declaración do Centro Xeográfico de Galicia como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de paisaxe cultural. A resposta da Xunta de Galicia será crucial para protexer a zona e converter o Centro Xeográfico nun espazo referencial para todos os galegos e galegas.