Lembrando a Feira de Santos de Monterroso

Unha vez máis suspéndese a Feira de Santos de Monterroso. A primeira vez que se suspendeu foi en 1918, debido á pandemia de gripe, e a segunda en 2020, debido á de coronavirus. Milleiros de persoas acudiron a ela ininterrompidamente dende hai máis de 700 anos, coa única excepción coñecida da súa prohibición nestes dous anos.

Da suspensión da feira en 1918 falounos maxistralmente Jesús Otero Pereiras no libro As Feiras de Monterroso, que o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) publicou en 2019 e no que o filólogo Xesús Alonso Montero ilustrounos falando das variantes da máis popular cántiga, a dos 25 xastres, verdadeiro himno taberneiro da Ulloa.

Mais foi historiadora María José Gómez Alvite, coordinadora deste libro, a que, co seu descubrimento dun documento do ano 1286, confirmou as hipóteses sobre a antigüidade da Feira de Santos. A ela debémoslle as mellores páxinas que se escribiron sobre o tema, como foi o libro 500 anos de feira de Monterroso.Elementos do patrimonio histórico editado polo Concello de Monterroso en 2010.

A nosa historiadora abriu tamén camiños noutros eidos e marcou pautas que seguiron outros investigadores, como foron a primeira investigación sobre o Camiño Santo, que o Instituto de Estudos Ulloáns está actualmente estudando e promocionando, ou o primeiro proxecto sobre o centro de interpretación das feiras de Monterroso, que serviu de base para un novo proxecto do IEU, o do Museo de Monterroso, un complexo museístico que incluirá entre outras instalacións o centro de interpretación.

A feira de Monterroso non so é un lugar e un tempo de encontro, de exposición, de transacción, de desfrute, de intercambio ou de relación social, tamén o foi de rebelión, xa que nela xurdiu a revolta antifiscal de 1790, episodio magnificamente relatado por Fernando Salgado no primeiro número de Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns.

Así mesmo, o IEU contribuíu á divulgación das feiras de Monterroso organizando na vila, en 2018, a exposición Por Feiras e mercados, cedida polo Arquivo Histórico Provincial de Lugo, con fotografías realizadas nos anos 50 e 60 do pasado século por José Luis Vega, o célebre fotógrafo e reporteiro gráfico do xornal El Progreso.

Neste sombrío 1º de novembro de 2020 non celebraremos a Feira de Santos, pero quédannos para lembrala as vellas fotografías ou os libros citados, con textos que inspiraron artigos e entrevistas posteriores, como é o caso da entrañable reportaxe da monterrosina Marina García no programa de Mara Torres El Faro de la Ser (El Faro: Feria 30/10/2020) que remata cunha versión fermosísima de Guadi Galego da cántiga dos 25 xastres.

Son aportacións de pequenos grans de area para conseguir que a Feira de Monterroso sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional (de momento é Feira de Interese Turístico Galego). Conseguirémolo coa colaboración de todos/as.

[Versión da cántiga dos 25 xastres de Guadi Galego en: https://www.facebook.com/ElFaroCadenaSER/posts/2171644266304041 ]

[As Feiras de Monterroso. Ed. IEU 2019: http://ieu.gal/libros/]

Feira 1

Feira 2

Portada libro Feira

Feira 4

Feira 5

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn