Fortaleza de Castro de Amarante

Castelo_de_Amarante

A Fortaleza de Castro de Amarante ou Pazo de Amarante é unha fortaleza medieval situada no lugar de Amarante (Santo Estevo do Castro de Amarante,Antas de Ulla).

Historia

O recinto foi construído no século XIII pola familia Noguerol, condes de Amarante, sobre un antigo poboado castrexo. Foi derrubado e reconstruído en varias ocasións.

Foi casa solar dos Noguerol, algúns de cuxos membros marcharon a Castela para formar parte de ordes militares nas que tiveron encomendas. Así, frei Afonso Gutérres Noguerol foi comendador do convento de Belvís (da orde de Calatrava) e do de Magdalena de Salamanca (da orde de Alcántara) durante o reinado deHenrique II de Castela (1369-1379). En 1387 frei Xil Rodríguez de Noguerol foi comendador de Caravaca, da orde de Santiago. Os membros da Casa de Amarante eran soterrados no mosteiro de Vilar de Donas.

Sufriu os ataques da Gran Guerra Irmandiña, e foi reconstruído por Roi Fernández Noguerol. En 1486 foi asediado, e despois mandouno derribar o gobernador Fernando de Acuña.

Arquitectura

Caracterízase por ser de arquitectura ruda, destacan as solainas situadas nas esquinas do edificio, con balaústres graníticos. Da construción orixinal consérvase a estrutura de planta oval, posiblemente a torre da homenaxe ou un reduto central. A ela accédese a través dunha porta oxival posiblemente do século XIV ou XV. Cara ao sur tiña un torreón, hoxe xa desaparecido, e polo leste conserva un corpo rectangular, posiblemente do século XV, con balcóns sobre ménsulas escalonadas nas esquinas -posibles restos dun matacán-.

En febreiro de 2013 a muralla sufriu desprendementos por mor da choiva.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn