O IEU celebrou no castelo de Pambre o Día das Letras Galegas 2023
O sábado 20 de maio o Instituto de Estudos Ulloáns celebrou o Día das Letras Galegas 2023 no castelo de Pambre (Palas de Rei), cun acto musical e literario coordinado e presentado polo galerista Braulio Vilariño.
Iniciou as intervencións o director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo, que falou da transcendencia de Ferrnández del Riego na dinamización da cultura galega, citando así mesmo a outros/as lucenses homenaxeados nos Días das Letras Galegas e a dous persoeiros vinculados ao castelo de Pambre, Antonio López Ferreiro e Manuel García Blanco. A continuación o escritor e director do IES do Camiño (Palas de Rei), Fernando García Penas, ofreceu un relato biográfico de Francisco Fernández del Riego, contextualizando cada unha das etapas da vida do homenaxeado neste Día das Letras Galegas.
Seguidamente, iniciáronse as lecturas de textos e poemas. A primeira lectura correu a cargo da actriz palense Aida Cobas, que leu, entre outros, o texto de Otero Pedraio sobre Fernández del Riego. A filóloga Andrea Santiso e o poeta seoanés Xosé Luis Santiso recitaron poemas seus, o mesmo que o poeta e etnógrafo Xosé Luís Otero Cebral. Como remate Braulio Vilariño, Fernando García Penas e Francisco Pardo leron textos do autor homenaxeado, finalizando co seu escrito sobre o Seminario de Estudos Galegos, institución na que se inspirou o Instituto de Estudos Ulloáns na súa creación e organización.
Continuou o acto coa actuación musical do poeta e escritor naviego Toño Núñez e o músico palense José Manuel do Castro (Santo Xusto), que interpretaron da lírica medieval Ondas do mar de Vigo (Martín Códax/Xosé M. de Castro), da lirica popular Alalá das Mariñas, do rexurdimento Negra sombra (Rosalía de Castro/Xoán Montes), e dos grandes do século XX No niño novo do vento (A.Cunqueiro/Luis Emilio Batallán) e O Carro (Manuel María/Baldomero Iglesias “Mero”). E finalizou coa participación do numeroso público asistente cantando o himno galego.
Video O niño novo do vento (Toño Núñez e José Manuel do Castro de Santo Xusto)
Video Alalá das Mariñas (Toño Núñez e José Manuel do Castro de Santo Xusto)
Programa da actuación musical literaria
Actuación de Toño Núñez e José Manuel do Castro
Intervención do escritor e poeta Fernando García Penas, director do IES do Camiño (Palas de Rei)
A actriz Aida Cobas lendo o texto de Otero Pedraio sobre Fernández del Riego
A filóloga Andrea Santiso e o poeta Xosé Luis Santiso lendo os seus poemas
O poeta e etnógrafo Xosé Luís García Cebral lendo os seus poemas
Francisco Pardo Teijeiro e Fernando García Penas lendo textos de Francisco Fernández del Riego