O IEU na presentación da editorial Biblioteca de Mesopotamia
O sábado 22 de abril o Instituto de Estudos Ulloáns asistíu como invitado á presentación do primeiro libro da colección Biblioteca de Mesopotamia do patrimonio literario da Ribeira Sacra, unha reedición dos “Contos de Mesopotamia” de Anxel Fole prologada por Claudio Rodríguez Fer.
Na presentación, que tivo lugar en Monforte de Lemos, na pinacoteca do Colexio da Nosa Señora da Antiga e co marco marabilloso das obras mestras de El Greco e de Andrea di Sarto, participaron os alcaldes dos concellos da Ribeira Sacra e representantes da Xunta de Galicia, da Real Academia Galega, do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e das deputacións de Ourense e Lugo, representada esta última pola Delegada de Cultura Pilar García Porto.
No seu discurso, Antón Lopo, director da Editorial Biblioteca de Mesopotamia, ademais de resaltar a transcendencia para a comarca da publicación desta colección, subliñou a necesidade da creación dun instituto de estudos na Ribeira Sacra como elemento cultural integrador, para o que citou repetidas veces como modelo a seguir o do Instituto de Estudos Ulloáns na comarca da Ulloa.
O acto finalizou cunha excelente intervención do catedrático lucense Claudio Rodriguez Fer, amigo persoal e especialista na obra literaria de Ánxel Fole, e continuou cun convite do Concello de Monforte, do Consello da D.O. e da editorial no Centro do Viño da Ribeira Sacra.