O IEU no 20 aniversario de Raiceiros

O Instituto de Estudos Ulloáns, respondendo ao seu obxectivo de establecer vínculos con outras asociacións culturais próximas, participou nos actos da celebración do 20 aniversario da asociación Raiceiros de Vedra (A Coruña).

No amplo programa de actividades do seu aniversario, entre eles a exposición do magnífico traballo de investigación sobre as pontes do Ulla, Raiceiros organizou o 13 de novembro un coloquio con diferentes asociacións de toda a ribeira do Ulla, co fin de coñecer a actividade que desenvolve cada unha delas e de planificar no futuro actuacións conxuntas.

     Asistiron ao coloquio representantes de asociacións culturais dos tres tramos do río Ulla: o Alto Ulla, a Ulla e o Ullán, e mesmo de fillos da Ulla en Bos Aires. Representando ao Alto Ulla participou Francisco Pardo Teijeiro, director do Instituto de Estudos Ulloáns, que falou dos obxectivos e estrutura do IEU, das diversas actividades desenvolvidas e dos proxectos actuais.
    Como agasallo a Raiceiros no seu aniversario, o director do IEU entregou exemplares do número 5 de Cairón, revista na que o xeógrafo Horacio García publica un artigo sobre a localización, con precisión científica, do nacemento do río Ulla. Asimesmo convidou ás asociacións das ribeiras do Ulla a realizar unha excursión conxunta para visitar o nacemento do río, na parroquia de Olveda, no concello de Antas de Ulla.
20 aniversario Raiceiros, Vedra, Instituto de Estudos Ulloáns
20 aniversario de Raiceiros, Vedra, Instituto de Estudos Ulloáns
Intervención de Francisco Pardo, director do IEU, no coloquio das asociacións da ribeira do Ulla
Exposicion As pontes do Ulla, Raiceiros, Vedra
Exposición “As pontes do Ulla”, asociación cultural Raiceiros, Vedra
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn